Esta semana miramos na prensa a nova de que o candidato local do Partido Popular, foi de visita a xunto o Conselleiro de Medio Rural. Parece ser que foi alá a contarlle o que o Conselleiro xa sabe, que o proceso de concentración parcelaria de Lois- Montes de Ribadumia vai moi lento. Ata aquí todo normal. Tamén foi bastante normal, para a nosa desgracia, a resposta que recibiu o señor Vázquez, que ven a ser a que outros recibiron antes e volveran recibir, e que se resume nunha celebre frase do señor Aznar: “estamos trabajando en ello”. Ou sexa: todo sigue e vai seguir igual.
O PP local insiste en querer facerse o interesante, e tenta aparentar que é a vía para solventar as nosas problemáticas pero, como no caso dos problemas do noso centro de saúde cando a antecesora do señor Vázquez foi correndo a facerse unha foto co xerente do EOXI do Salnés-Pontevedra, obvia o máis evidente, que é aportar as solucións aos problemas.
Benquerido Martín, non chega con ir de paseo e facerse unha foto chula nun despacho. Hai que solucionar.
E a realidade é que vos, que presumides de ter o apoio do voso partido, resulta que conseguides a foto e moita boa predisposición, pero ningunha solución. Pois para iso non nos facedes falta, e sería bo que se non sodes capaces de lograr resultados, cando menos non fixerades perder o tempo á xente e que deixarades de mentir, enganar e asumir compromisos que non podedes cumprir.
Tamén podiades ser políticos competentes, mostrar algo de interese real polos problemas da nosa veciñanza, e asumir que este tipo de cuestións solo se solucionan sumando forzas, e exercendo presión conxunta. Seguramente se en lugar de pasear e facer fotos pola vosa conta, optarades por traballar en conxunto con outras forzas, entre todos poderiamos conseguir bastante máis. Neste aspecto, a miña porta sempre estivo e estará aberta.
Non podemos pensar en lograr unha igualdade real entre persoas, entre homes e mulleres, entre persoas con distinto ton de pel ou distinta orientación sexual, relixión ou procedencia social, se non educamos nestes valores ás nenas e aos nenos.
Poren, dende o goberno local podíamos agarrarnos á máxima de que a educación é cousa de pais e de mestres, e de que dentro do colexio as competencias son de Educación. Podíamos deixar pasar a lexislatura e limitarnos ó típico, poñer farolas, asfaltar, un murete por aquí, unhas beirarúas por alá, esas cousas necesarias que todos os gobernos fan, que mesmo poden dar algún voto, pero que nin supoñen un compromiso coa nosa sociedade nin axudan a facer deste mundo un lugar mellor.
Eu non viñen á política para iso, e Somos Ribadumia tampouco naceu para iso. No noso ADN hai un fondo compromiso social que inclúe pensar no futuro.
Así que se queríamos avanzar na igualdade das persoas, non podiamos quedarnos nos discursos das datas sinaladas e na zona de confort político. Os homes que o día de mañá van matar as súas parellas son hoxe nenos inocentes que se están formando como persoas, e é agora cando se lle deben inculcar os valores correctos. E o mesmo podemos dicir dos homofobos do futuro, ou de todas as outras intolerancias .
Por iso tiñamos claro que o futuro o tiñamos que traballar agora, e involucrarnos dende o goberno, e pasamos á acción, primeiro analizando cal era a situación. E vimos que non había ningunha coordinación entre o colexio e servizos sociais, o cal facía difícil detectar e solucionar moitos problemas, que moitas veces teñen a orixe nunha situación familiar concreta. E vimos que había cuestións que se nos estaban escapando a uns e a outros, e remataban con pais e nais acudindo cos seus fillos a servizos sociais por algún problema no colexio. Tres ou catro casos cada curso.
E actuamos. E agora, tres anos despois, podemos dicir que o traballo feito, as xornadas sobre igualdade, as charlas, as actividades de concienciación, a coordinación fluída entre o colexio e os servizos sociais do concello… todo iso funcionou e logramos obxectivos. Levamos dous cursos sen apenas problemas, e os que hai soluciónanse en tempo e forma, o cal favorece a nenos e familias. E estamos axudando a formar en igualdade a nenos e nenas, asentando o futuro.
Estou orgulloso do logrado, pero tamén agradecido, a nais e pais, ANPA, á dirección e ó profesorado do colexio, ó persoal do concello, a asociacións diversas que nos axudan. E ós nenos. Sobre todo a eles, que son os que nos van salvar.
Antes de nada, se inda non fochedes ver “Cristal“, xa estades tardando. Sobre todo porque para podela disfrutar por completo conven acudir con certa ignorancia do que acontece nela. Esa maravillosa ignorancia tan difícil de manter nos tempos de hoxe, cheos de xente con internet e ánimo de fastidiarlle as películas, e os libros, e a vida, ó resto.
Con Cristal, Shyamalan pecha unha triloxía, elaborada co mundo do cómic como eixe central, que nacera no ano 2000 con “El protegido”, e cuxas dúas continuacións quedaron despois no caixón ata que o homiño deu saído do mal burato no que se meteu, aceptando películas de encargo e cambios forzados de guión, no 2015 con “La visita”, película coa que se reivindicou como director de alto nivel e moito oficio, e que lle permitiu afrontar “Múltiple“, e agora “Cristal”. Conven decir que esta triloxía non adapta ningún cómic, se non que lle rende unha fonda homenaxe a esta forma de expresión, que é arte, e coa que o cine ten unha gran débeda.
Como peche dunha triloxía, conven ter visionado as dúas partes anteriores, e neste caso recentemente a poder ser, para así captar a película na súa totalidade. E inda así, Cristal, como varias das peliculas deste director, require e admite comodamente varias visualizacións.
Sen entrar a facer spoiler, se en El protegido asistíamos ó nacemento do superheroe, da man da súa némesis, e en Múltiple presenciabamos flipando a aparición dun malvado impresionante, nesta terceira parte as tres personaxes deben facer fronte a súa propia realidade e o seu encaixe no mundo, axudadas por unha psiquiatra.
Todo o bo desta cinta está nos detalles. A mín encantoume por moitos motivos: a estrutura do guión, o desenvolvemento da trama e o encaixe das diferentes historias, os xiros calculados, o traballo dos actores que é espectacular, unha montaxe xenial, a fotografia, que crea unha atmósfera incomoda ata nos exteriores, e incluso a banda sonora, anque neste aspecto hai que decir que West Dylan Thordson, que pon música a esta e a anterior Múltiple, non é James Newton Howard, con quen o director traballou en El protegido e notase, tanto que na película a pesar do bo traballo feito hai unha notable diferencia nos acompañamentos musicais entre as partes onde aparecen os protagonistas de El protegido, onde se recupera o acompañamento musical desa película, e as outras.
Con todo, o máis reseñable, dende o meu punto de vista, é o formato de cómic, común as tres partes da triloxía, que dan fe do bo traballo de fotografia e de dirección, e que provoca que cando esteamos vendo a película alguns enfoques e encadres se nos fagan algo estraños. Quizais non pareza importante, ou alguén pense que é unha rareza do director, pero está todo moi calculado, e todos eses encadres raros, dende angulos incomodos, os desenfoques, os xogos coa luz, as diferentes cores que definen os protaguistas e os escenarios, esas imaxes que son pura viñeta … todo iso son recursos de comic aplicados ó cine para conseguir que miremos a donde o director quere que miremos, e transmitirnos sensacións sen que o notemos de xeito consciente, e así meternos e manternos na película … e hai que decir que funciona e que é unha xenialidade.
O que non ten esta película son grandes doses de espectáculo, explosións e ruido vario, algo que non é o habitual nestes últimos anos no cine de superheroes. Sen embargo, é unha peli de superheroes pero, como acontecía en whatchmen, todo o concepto de superheroe está moito máis normalizado, conseguindo que a historia, de principio a final, resulte moito mais realista, creible e asimilable.
Con esta película un non puido evitar pensar en outras obras interesantes:
whatchmen, Shyamalan é moi bo director, e recolleu como ninguen as contradicións humanas reflectidas nos denominados superheroes, pero o mellor director adaptando novelas gráficas e sen dúbida Zack Snyder, como demostra tanto nesta obra, ou como en
300. que aportou unha maneira de coreografiar, rodar e montar esceas que fixo escola, ou en
“El hombre de acero”, onde Snyder reconstruiu a Superman con acerto; un peliculón, pero despois non foi capaz de manter o nivel, e maltratou a franquicia, que non volveu levantar cabeza ata Acuaman.
Pero no que máis me fixo pensar Cristal foi noutra pelicula de Shyamalan:
La joven del agua, incomprendida pola súa particular proposta e por que, por algún motivo extraño as produtoras empeñanse en vender as pelis deste director como se todas foran O sexto sentido,. A min pareceume un peliculón.
E un bonus track, por que esta película usa un recurso para marcar o ritmo das esceas, que me levou de cabeza a varias películas do xenial Cristopher Nolan, :
dunkerque, exercicio de cine espectacular, cun guion de tres liñas.
Ultimamente parece que en Ribadumia todos somos contrabandistas ou nos relacionamos coa mafia. Nada máis lonxe da realidade.
Co gaio do 25N, quero falarvos do que está facendo moita xente no meu concello.
Comezando polo comercio local, activo e comprometido cun asunto que non lles repercute un solo euro, pero si lles da moita dignidade. As e os nosos comerciantes e hostaleiros sumáronse decididamente á campaña de Servizos Sociais para o 25N xa no 2017, pero foron máis alo dese día e manteñen visibles os carteis rexeitando a violencia todo o ano. Ademais uníronse tamén o plan “Conta Comigo Ribadumia”, e converteron os seus locais en puntos seguros onde as posibles vítimas atopen información e as que vivan nese calvario vexan que non están soas e que teñen onde pedir consello ou mesmo axuda. Pero non so participa o comercio nesta loita.
Un grupo de persoas tamén se uniu a ese plan de apoio, e agora temos un corpo de voluntariado que vai axudar as vítimas en moitas situacións difíciles.
Outro grupo de mulleres creou en Ribadumia no 2015 ESMAR, a única asociación de apoio ás vítimas de violencia de xénero da comarca. Unha entidade que axuda as vítimas, pero que tamén loita por facilitarlle a vida a todas as mulleres, vítimas ou non, como demostran coa súa campaña en prol de conseguir un Punto de Encontro Familiar.
E hai máis. Por que en Ribadumia tamén temos a GOTAS, entidade, tamén única na comarca, que traballa en prol da diversidade; xente moza pero con moitas ganas de aportar valores positivos á sociedade, como están demostrando ca súa Escola de Valores.
Pola miña banda, como concelleiro responsable da política social, estou moi orgulloso das medidas que tomamos, e agradecido pola boa aceptación que reciben, pero como veciño estou moito máis orgulloso de todas esas persoas, comerciantes, voluntariado, as que aportan dende as asociacións e entidades, e moita xente anónima, do común, que da a cara e participa nunha loita que é de todas e de todos, e que cada día pon o seu granciño, realizando e participando nas actividades, rexeitando a violencia, reaccionando ante determinadas actitudes, axudando.
En Ribadumia conseguimos que a loita contra a violencia de xénero teña lugar cada día do ano gracias a moitas persoas exemplares, a maioría das cales non sae nunca na prensa. A todas elas, GRACIAS.
Margaret Atwood está moi lonxe de ser unha descoñecida na literatura. De feito a súa obra é moi extensa, e toca todos os paus, dende a literatura infantil á novela grafica, pasando polo teatro, os guións para cine e televisón, ensaio, poesia… todo isto ademais recoñecido con innumerables premios, un deles o premio Principe Felipe das Letras, no 2008. El cuento de la criada non é tampouco un libro descoñecido, nin moito menos. Ademais de que foi traducido a máis de corenta linguas, e de terse feito unha pelicula a finais dos oitenta, conta cunha opera e tamén un ballet. Recentemente, a raiz da adaptación que fixo a HBO, volveu coller relevancia, pero se as librerías venderon miles de volumes dunha obra con 30 anos ó lombo, non foi solo por que saía na tele, se non pola súa calidade literaria e polo preocupantemente actual e próxima que resulta esa historia.
O plantexamento de partida desta novela distópica é un cambio político nos estados unidos que transforma o país nunha dictadura – con nome de república – machista, ultracatólica, homofoba, entre outras caracteristicas, que somete a poboación a un réxime moi duro, especialmente ás mulleres, reducidas a simples reprodutoras, e que son as protagonistas da historia a través dos ollos e vivencias dunha delas, Defred.
É unha historia dura, que destaca polo seu realismo, pero sobre todo por como está plantexada, e como explica os mecanismos para que unha situación así se dea. E iso é o máis destacado, que ó longo do libro imos coñecendo algúns detalles de como nesa historia alternativa o país chegou a esa situación, e damonos conta que non é nada que non poida pasar en calquera lugar e en calquera momento. E de feito, faise moi dificil mentres se van pasando as páxinas non estar mirando de reollo a todo canto estaá acontecendo no mundo nos últimos anos, coa suba que está experimentando a ultradereita, en especial a conta dos problemas migratorios e a partir da broma que nos gastaron os americanos ó poñer a Trump de presidente, un home que ten con el a un señoriño chamado Steve bannon, que esta tentando crear un gran grupo ultradereitas no parlamento europeo a traves dalgo que el denomina “El Movimiento” , e que nos vai dar moitas dores de cabeza no futuro próximo. E iso si que é preocupante.
Fora do contido político que presenta, é unha historia chea de aristas, onde destaca a unha forte carga feminista, pero que tamén nos fala do complexo dos pensamentos humanos e de como as persoas son capaces de transformarse en calquera clase de ser ante a necesidade de sobrevivir. Unha historia cunha humanidade enorme, é o mellor resumo que se pode facer.
Dende logo unha lectura imprescindible, que visto o panorama internacional debería ser de lectura obrigada nos institutos, e que me levou a pensar en moitisimas novelas distopicas, deixovos va
triloxía “os xogos da fame”, de Suzzane Collins, porque inda que nos últimos anos as distopías futuristas volveron estar de moda, especialmente no sector adolescente, esta destacou tanto pola súa calidade literaría como pola súa adaptación cinematográfica.
“O señor das moscas”, de William Golding, a historia duns nenos perdidos nunha illa logo dun accidente que deben enfrontarse a tarea de sobrevivir sen adultos. Unha alegoría sobre a natureza humana que non deixa indiferente.
“A carretera”, de Cormac McCaerthy, durisimo relato postapocalíptico, protagonizado por un pai e un neno nun mundo totalmente arrasado onde o pouco que queda do xénero humano esta botado a perder, por decilo amablemente. Libro cunha por certo moi lograda adaptación cinematográfica.
“Metro 2033”, de Dimitri Glukhovsky, unhaobra rusa, que deu pe a todo un universo propio, con relatos, videoxogos…
..e tres artigos deses que recollen listas de obras:
O Partido Popular segue coa súa campaña de empuxe e derribo contra o goberno de Ribadumia, do que formo parte. Desta volta o ataque ven a conta do IBI, que debido a que é un imposto que se fai notar nas carteiras garantiza uns bos titulares en prensa.
Pero todo esta levantado enriba de mentiras. Foi Salomé Peña a responsable da revisión do catastro xa no 2014, anque se fixo efectiva neste 2018, e foino en coalición con Montoro, ese ministro que puxo o PP para levar a cabo as súas políticas máis duras e lesivas para a cidadanía, e que se sacou da manga o catastrazo ese que obriga a pagar por calquera cousa que pareza que leva algo de cemento. E a través das mentiras, agora que os recibos xa están pasados -non antes – quere Salomé cargarnos a nos o morto de que algunhas persoas teñan que pagar máis do que pagaban. Politica de baratillo.
Dende o goberno emitimos o pertinente comunicado, que recolleu a prensa e tamén a web de Somos Ribadumia, pero pareceume convinte aportar unha visión persoal, a traves dunha breve carta aberta, que reproduzo aquí:
“A principios do ano pasado, benquerida Salomé, tivemos que montar unha oficina temporal na casa de cultura de Ribadumia, con tres persoas e os correspondentes equipos informáticos para poder axudar a unha parte da nosa veciñanza que, debido a unha decisión do Partido Popular, repito en maiúsculas, DEBIDO A UNHA DECISIÓN DO PARTIDO POPULAR, tiveron que rexistrar todo tipo de construcións auxiliares, dende galiñeiros a garaxes, pasando por piscinas e, nalgún caso, simples terrazas. Todo ese proceso nin sequera era gratuíto, pois o estado, e insisto outra vez, o concello non , o goberno do Partido Popular, cobraríalle a eses veciños e veciñas afectadas da orde de 60€ polo trámite, enriba do recibo o IBI, por suposto. E a partir deste ano, toda esa xente ten que pagar os recibos actualizados, coa inclusión desas edificacións auxiliares.
As veciñas e veciños afectados saben isto porque xa o ano pasado dende as oficinas que montamos expresamente para este tema, llo explicamos. E se alguén ten dúbidas, so ten que vir polo concello e encantados lle aclaramos o que sexa preciso, como precisamente cho explicamos a ti fai uns días – inda que deberías sabelo – cando viñeches polas instalacións municipais a preguntar por este tema. Algo que se pode facer agora, por certo, que o servizo de recadación é municipal.
Que teñas agora a cara dura de saír na prensa dicindo que o goberno municipal está subindo os recibos do IBI é evidente que obedece unha estratexia política baseada na mentira e no engano.
Salomé, deixa xa de enredar á xente con mentiras e demagoxia de baratillo. O goberno de Ribadumia non lle subiu o IBI os veciños, foi o Partido Popular quen atacou a nosa veciñanza, facéndolle pagar ata pola caseta do can.”
John McTiernan dirixeu varias das mellores películas de acción dos últimos trinta anos, “A xungla de Cristal ( e tamén a terceira parte da saga)”, “A caza do Outubro Vermello”, “O último gran heroe”, ou a xenial, a pesar da metedura de zoca de Michael Crichton, “O guerreiro número 13”, entre outras. Unha carreira completiña, que despegaría de golpe no 1987, con aquela mezcla de xéneros, dende o bélico ó terror, pasando pola ciencia-ficción, que foi Depredador. Seguramente das mellores peliculas que protagonizou o cachiman por excelencia Schwarzenegger, e un éxito a todos os niveis.
Tal como aconteceu anteriormente con “Alien, o oitavo pasaxeiro”, o protagonismo daquela película non recaiu tanto no actor principal como no alienixena, neste caso un bicho moi feo que se dedicaba a andar pola selva coleccionando espiñas dorsais, cos seus correspondentes cerebros. E ese bicho acabaría por protagonizar varias secuelas e mesmo por enfrontarse ó xenomorfo Alien en dúas ocasións ata chegar á recen estreada Predator, dirixida por Shane Black, un deses elementos raros que pululan por Hollywood, que tanto participa como actor, como produce, elabora guións ou mesmo dirixe. De feito neste caso dase a casualidade de que Shane Black foi un dos actores no Depredador de McTiernan.
Vamos coa película que nos ocupa. Máis que aceptable dentro do seu xénero. Pero non é Depredador, nin o protagonista, Boyd Holbrook, é Arnie. O bo desta película é que parte da premisa de que non pode superar á orixinal, polo tanto o guión tomase o tema bastante a coña, collendo algunhas das particularidades da cinta de 1987 – inicio na selva, grupo pequeno de militares enfrontados ó bicho, o goberno como axente intrigante que sabe pero non conta, … – para metelos nesta dun xeito actualizado , pero tamén algo retorcido. As similitudes chegan ó nivel de que o director cambiou as características dalgunhas personaxes pero mantendo a compoñente racial por un lado (o “malo” do goberno tamén é negro, e tamén hai no grupo ademais dun negro un indio moderno, ou sexa un hispano), pero retorceu outras cuestións como por exemplo a exaltación dá amizade á que asistíamos na orixinal de 1987 (moi de machotes) que nesta se converte nunha relación de parella, modificando a esencia do asunto. Pero o cambio máis notable é, ademais do cambio de escenario, que abandona a mezcla homoxenea de xéneros para quedarse nunha cinta de corte fantástico, sen máis. En contrapartida aposta pola denuncia social, anque penso que non acerta ben coas formas.
Predator funciona como película de acción, con toques de humor – algúns innecesarios ou cando menos, mal desenvoltos – outro pouco de sangue, e un par de xiros no guión que tentan darlle certa solidez á historia. Como resultado, temos unha película divertida, entretida e que se pasa pronto, anque cara o final se lie un pouco coa historia. E inda que parece que non aporta moito máis, si que hai unha serie de reflexións interesantes relativas á violencia e, sobre todo, ás persoas que son diferentes ó establecido socialmente e o xeito en as trata a sociedade “normal”. Neste último sentido a pelicula manten un cariz moi reivindicativo, pero algo excesivo, tanto que desfigura a película na súa última parte.
O ideal sería que antes de ir ver esta penultima entrega do bicho ese, volverades ver, se conseguichedes non vela en todos estes anos, a orixinal. Ademais de envellecer bastante ben, daravos outra visión desta última, e poderedes coller moitos detalles que obvio para non facer moito spoiler.
“Novamente asistimos a unha controversia desas que o señor Durán tanto lle gusta crear para ocultar as súas incapacidades. Desta volta armouna á conta da rede de transporte público recortada no seu día polo Partido Popular e sobre a que agora a Consellería de Infraestruturas é incapaz de actuar dun xeito efectivo. Un inciso. Quizais, se a señora Ethel Vazquez e o señor Ignacio Maestro escoitaran á xente do común e aos concellos, en lugar de atender aos intereses particulares do señor Raúl Lopez, as cousas irían doutra maneira. Non é así, e cada día xorde unha problemática co transporte público nunha comarca diferente, mentres no Salnés seguimos igual de mal que antes, solo que con Gonzalo Duran dando a nota.
No Salnés temos moitas particularidades que neste asunto deben terse en conta. Non temos unha rede interurbana de bus que conecte axeitadamente e con boas frecuencias os principais núcleos, así como cos centros educativos e administrativos; hai concellos cuxo hospital de referencia é o do Salnés, pero outros téñeno en Pontevedra; nin uns nin outros teñen boas conexións e algúns como Ribadumia teñen conexións co hospital que non se corresponde; a única estación de tren esta nun extremo da comarca, e sen axeitadas comunicacións por bus co resto. Un presidente da mancomunidade responsable tería en conta todo isto e todo o que non poño aquí por non ocupar espazo, que é moito, e sentaríase a falar co resto de forzas políticas e alcaldes…
Pero nós tristemente temos ó señor Durán, en funcións gracias no seu momento á ineptitude do PSOE para botalo. Por iso sorprende que no canto de mostrarse agradecido coa señora Tania García, cargue contra ela e contra o PSOE desviando a atención – co conto infantil ese de “el PSOE nos roba”- da realidade de que o Salnés vai ser, outra vez, ninguneado pola Xunta de Galicia.
Pero non será culpa do PSOE. A súa proposta é incompleta, e mellorable, pero nada máis. A culpa será do señor Durán, moi capacitado para andar de paseo e de compras pola comarca e para facer negocios con eses amigos rusos seus e do seu colega Tourís, pero totalmente incapaz de exercer correctamente o seu cargo, e consensuar cos representantes municipais e políticos un plan completo, ben elaborado e legal, que propoñerlle á Consellería de Infraestruturas. A culpa é toda súa , que chama experiencia a poñer unha furgoneta dando voltas polo Concello, algo moi distinto a ter un plan de transporte comarcal que atenda as diversas necesidades dos concellos. A culpa non é dos concelleiros de SOMOS, que propoñemos que a mancomunidade traballe nun plantexamento que solucione problemas en lugar de causalos, e que todas as persoas do Salnés teñan os mesmos beneficios e importantes descontos que o PP vai dar a concellos como Pontevedra, Vigo, Redondela, Poio ou Sanxenxo, entre outros.
Non, os únicos responsables deste desastre son o señor Duran e o Partido Popular.”
Este artigo foi enviado á prensa en relación coa controversia na que se meteron Gonzalo Durán e o Psoe de Vilagarcia en relación ó transporte urbano no Salnés, que está en proceso de modificación co gaio do remate das concesións das liñas de buses o ano próximo. Dende Somos Ribadumia xa espuxemos, xunto as outras plataformas municipalistas do Salnés a nosa postura, que se resume en : dialogo e consenso a nivel comarcal, e defensa ante a Xunta de Galicia dos dereitos da nosa veciñanza en cuestión de organización de rutas, conexións e beneficios económicos. E Durán que se deixe d e películas. Está moi ben que en Pontevedra os menores de 19 anos non vaian pagar pagar bus e o resto vaia ter descontos de ata o 80%, pero no Salnés, que somos máis de 100.000 habitantes, temos dereito os mesmos beneficios, ademasi de a unha rede de transporte público eficaz. O que non pode pasar é que inda por riba de non facer nada o dereito, a Xunta nos deixe aos concellos a responsabilidade de buscar solucións, cando lles corresponde a eles. E o que tampouco pode ser, é que Gonzalo Durán queira tapar as incompetencias propias e da Xunta montando un circo e cargandolle o morto os de Vilagarcia.
Como remate deixovos unha foto feita polo Concello de Valencia para explicar a problemática do uso excesivo de vehiculos e a importancia do transporte público, en termos económicos, de movilidade, e medioambientais. A foto son en realidade dúas. A man esquerda temos unha vía ocupada por coches particulares, e a man dereita temos a mesma vía, ocupada por un único bus, suficiente para transportar a todas as persoas que ocupaban os coches da esquerda. Unha imaxe que vale máis que mil palabras.