42.

IMG-20190530-WA0026.jpg   Imos poñernos filosóficos. Un pouco, nada máis. Non mo teñades en conta, que logo á noite e máis toda a fin de semana prometo pagar uns viños.

   Hoxe cumplo 42 anos. 42, non 4 como pensa algunha xente despistada da vida. Neste tempo vivido, pasei por moitos momentos distintos, por moitos cambios de fase, bastantes máis do que algunhas persoas poidan pensar. Agora enfróntome a outro momento, que non é un cambio, solo a volta a un punto anterior. Contra o que algunha xente cree e celebra – xente xeralmente posuída pola xenreira e a envidia contra as persoas quen fan algo – o meu retorno á empresa na que levo dende o 2001 non é un drama. Apéname deixar o traballo comezado no concello no 2015 sen continuar; por suposto que me apena, pero non me doe volver a onde están amigos e compañeiros, a un posto de traballo digno, a unha empresa exemplar.

   Este concello é agora exemplar en moitas cousas, xa vos contarei en que e porque o día 16, pero para conseguilo tivemos que picar moita pedra á calada, dentro de despachos e institucións, cos colectivos, patear moita rúa, falar con moita xente, e facelo sen case sacar fotos – quizais ese foi o noso erro, non ser bastante presumidos- . Por ese motivo estou orgulloso, moi orgulloso. Por que con independencia do resultado nas urnas, nós fixemos o que tiñamos que facer. Nós, cumprimos. Poren, dame moita pena e tristeza, así como certo sentir de impotencia, terlle fallado a compañeiros e compañeiras que o deron todo ao meu lado, no sentido de non ter sido capaz dende a miña posición de facer ver a importancia de Somos Ribadumia no concello, ou do traballo que fixemos.

   Quero deixar constancia do meu orgullo por ter traballado con eles e elas estes anos, e de seguilo facendo, por que son as persoas máis axeitadas deste concello para facer política, por ganas, por compromiso, por honradez. Somos Ribadumia segue sendo para min, e penso que para moita xente, a forza que neste concello ten máis nivel político, e a única que pon no centro da acción política as persoas e, polo tanto, moi necesaria.

   Outros, para conseguir convencer de que eran os bos, ante a falta de traballo político mais aló de poñer tubos e farolas, ou de capacidade para explicar algunhas cousas, mesmo as que fixeron ben, tiveron que traballar en falso, mentindo en todas partes, poñendo a terceiras persoas a contar bulos, a insultar, creando falsos perfís nas redes, atacarme no persoal … E por desgracia as consecuencias non as paguei eu, que nunca me deixei amedrentar nin influír por esas caralladas, se non o meu entorno. E iso si que me fastidia. Dende que estou na política activa, especialmente nestes últimos catro anos, persoas moi cércanas a min tiveron que escoitar enormes mentiras sobre a miña persoa, ataques que solo buscaban ferir, facer dano onde podía doer, nalgún caso en momentos difíciles -algo que non esquecerei – e ademais facelo de xeito gratuito, solo para buscar debilitarme a min a través da xente que me era próxima e moi querida … e todo por gañar unha pequena cota de poder baleiro.

   A todas esas persoas, mulleres e homes que me sodes próximos, mesmo na distancia dos quilómetros e do tempo, á miña familia, amigos, veciños e veciñas … pídovos perdón. Non teño poder sobre o que outras persoas digan ou fagan, e nada do que eu faga ou diga mudará iso, pero para min é importante que saibades que son moi consciente do dano feito, de que me provoca moita vergoña. Pido perdon por todo isto e porque se nos rendimos, se o deixamos todo, eles ganan, e como de momento eu sigo sendo bastante terco, vamos ter que seguir aguantando.

   Por iso douvos as gracias, pois a pesar dos esforzos desa xente tola, vos seguides aí. Eu sempre digo que a miña forza está na xente que me acompaña na miña viaxe vital. Nestes días quedou demostrado.

   E pídovos tamén confianza no tempo. As verbas, por moi feas que sexan non matan, pero poden volverse veleno na boca de quen as pronuncia, pois o tempo ao final, inda que as veces tarde, sempre pon a cada quen no seu lugar.

   Hoxe cumplo 42 anos. Estou orgulloso de todos eles, do feito ben e do feito mal, que cando menos valeume para aprender importantes leccións na vida. Estou orgulloso de estar estes últimos catro anos no goberno do meu concello, e de axudar co meu traballo a construir un lugar mellor no que vivir e facer a vida de moitas persoas máis fácil, tamén a saír de pozos escuros. Agora tócame volver a un punto anterior, e anque triste polo que deixo sen rematar, e polo inxusto que é para moitos compañeiros e compañeiras, volvo coa conciencia tranquila e a cabeza ben alta.

   Na man de outros quedará pronto seguir ese traballo, avanzar ou retroceder. Teñamos esperanza, e en calquera caso, Somos Ribadumia e eu mesmo, se así o deciden as miñas compañeiras e compañeiros, mentres a vida non me diga que debo cambiar de fase, imos estar atentos, e imos seguir traballando para que o noso concello sexa ese lugar do que presumir, esa Ribadumia das persoas que soñamos. Isto inda vai dar moitas voltas, e nos temos todo o necesario para defender a construción dun concello mellor, as persoas, as ideas, os proxectos, e sobre todo, as ganas e vontade para facelo.

   Asinado: Enrique Oubiña, voceiro de Somos Ribadumia, hoxe orgulloso tenente de alcalde, concelleiro de obras, vías ,urbanismo, terceira idade, sanidade e servizos sociais, e pronto orgulloso técnico de ascensores.

P.D. Se chegastes ata aquí, ben merecido tedes que vos convide a un viño na mellor festa de todo o salnés e parte do estranxeiro.

Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s