O bulo como pantalla da torpeza, da chapuza e da cobardía. E como ferramenta para facer mal a outros.

   A viñeta que ilustra estas liñas, igual parece algo sin moito xeito, e pouca relación co título. Así que vou poñer un pouco de contexto, por que penso que explicando esta historia de mentiras contadas para tapar torpezas e facer mal, o título , que resume unha situación recorrente que temos neste Concello, explicase só . De partida, para entender a viñeta temos que ir para atrás un ano.

   Durante a Festa do Tinto do ano pasado, a Garda Civil puxo denuncias por incumprimentos normativos  a dous locais hostaleiros do centro de Barrantes. As denuncias, por forza derivaron en multas que puxo o  alcalde, que é quen pon ese tipo de multas, pois a Garda Civil neses casos unicamente denuncia.

Ata aquí todo máis ou menos sinxelo de entender: uns locais supostamente  non cumpren co que teñen que cumprir, a Guarda Civil denuncia e o alcalde multa.

 Pero non foi tan sinxelo. Vexamos:

Antes da festa: o  alcalde acordou unhas medidas de seguridade coa Garda Civil, pero despois o Concelleiro ese que ten de man dereita dedicouse a pasear por Barrantes facendo e desfacendo, autorizando e desautorizando cousas  co lema de “aquí a Lei son eu”. E claro, resultou que non era.

Durante a Festa:  O resultado de todo o  anterior foi que os hostaleiros pensaban que estaban facendo as cousas acorde ao que o Concello esixía e permitía pero a  Garda Civil tiña constancia de que as esixencias e permisos eran outros.  Esta disparidade foi a que provocou as denuncias, porque ademais, polo que fora, o  Concelleiro “aquí a Lei son eu” xusto cando a Garda Civil andaba por Barrantes facendo o seu traballo, pois estaba desaparecido, e o alcalde vaite-ti-a-saber.

Despois da festa : o lío que se vía vir. Parece ser que o alcalde intentou sen éxito evitar que a benemérita remitise as denuncias ao Concello, cousa lóxica porque iso implicaría un delito por parte da Garda Civil, e entón non tivo mais remedio que poñer as multas para evitar él mesmo cometer un delito moi evidente.

  E a partir deste punto é onde aparece o meu nome (igual un pouco antes). Por que claro, a cobardía do noso alcalde non ten limite, e non ía facerse responsable das súas chapuzadas. Así que en lugar de admitir o erro,  a mala xestión e a sobrada do outro de ir de amo-y-señor pola vida, o que se lle ocorreu ao alcalde e ao Concelleiro empoleirado, coa axuda disto que en política se denomina “o seu entorno”, neste caso un grupo de persoas con moito tempo para  falar mal dos demais e pouco para ter vida propia, foi buscar culpables fóra. Así que empezaron a sinalar.

 Sinaláronme a min  – solo faltaría – . E resulta curioso como esta xente un día me dedican palabras de desprezo e todo tipo de insultos pola mañá e o mesmo día pola tarde declaran que teño un poder superior ao deles e que con ese poder mandei a Garda Civil ir e poñerlle denuncias  a eses locais e a un terceiro posto que tamén tivo problemas e rematou co alcalde e o Concelleiro declarando no xulgado investigados por prevaricación. Concretando o argumento : o boiño do alcalde puxo multas porque o obrigou ó malvado Enrique. Descojonante.

Pero  a cousa non parou aí. Ese discurso non se sostiña moito, así que segundo con quen falaran  tamén acusaron do mesmo e por separado a outros dous locais de Barrantes, nun intento pouco efectivo e moi torpe -os hostaleiros de Barrantes coñécense todos e teñen boa relación entre eles – de mal meter entre a hostaleira local. Isto non é descojonante, é vergoñento.

  E estés son os sinalamentos dos que eu me enterei, non descartemos que sinalaran a alguén máis, concretando, a calquera que lle caia mal.

 Resumindo, o alcalde e o concelleiro sheriff  arman un lío cos hostaleiros, e despois sinalan culpables aos demais, pero non a calquera, sinálanme a min e a dous locais con xerencias que lle resultan molestas. “Botar merda que algo quedará”, chamase a estratexia.

 Obviamente xa falei da parte que me toca con quen correspondía por se houbera algunha dúbida neste asunto, que non había por que a xente non é parva. Pero quero deixar constancia igualmente para que vexades a calaña que temos no goberno e ao redor del. E tede claro que este é un exemplo, pero a práctica é moi habitual.

E por qué agora? Por que para certas cousas a perspectiva do tempo axuda moito, e porque un ano despois seguen con ese conto, chegando a dicir que figuramos como denunciantes na propia denuncia eu ou no seu caso, segundo con quen falen,  un ou outro negocio hostaleiro.

POLO TANTO, QUE FIQUE CLARO:

Non, nin eu nin ningún local hostaleiro foi á Garda Civil a denunciar a locais hostaleiros na Festa do Tinto do ano pasado. As multas que levaron eses locais nin sequera foi por que fixeran  algo mal, foi por culpa única e exclusiva do alcalde e do Concelleiro sheriff “aqui a Leí son eu” Castro.

A día de hoxe esas multas, que non eran pequenas, están recorridas, e eu agardo que o Concello acepte eses recursos e  o alcalde teña un pouco de vergoña e deixe limpos de culpa aos hostaleiros, que non merecían nin ese trato nin ese lío. E dende logo recoméndolle aos concelleiros que se creen que están no Far West, menos estrela de sheriff,  menos tiros e máis sentido.

E que fique igual de claro. Igual me poñen a min de malo nunha película que a calquera outra persoa. Na carreira por aguantarse onde están e seguir medrando e engordando a conta do de todos, esta xente non ten nin freo, nin ética, nin dignidade. Así que ollo, que igual mentres leedes esto e pensades que son cousas miñas ou manías que veñen da política, alguén está metendo bulos na cabeza dun veciño ou dun familiar voso para buscarvos un lío. Temos casos rexistrados. A solución, a única fiable, xa a sabedes e pasa por que o día das eleccións non metades a papeleta deles e lle retiremos entre todos e todas o pau de mandar.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

O fracaso pola soberbia.

A foto que encabeza este artigo, foi feita este pasado domingo, durante o transcurso da final do AF7, e na miña opinión resume moi ben a realidade dese torneo contra o que nós contan del e, sobre todo, exemplifica o fracaso pola soberbia do señor alcalde.

Ninguén pon en dúbida nin a calidade organizativa nin o valor para o deporte do AF7. E aínda que poderíamos discutir algunha práctica  , digamos, pouco seria -preguntádevos porque a cafetería da instalación non abriu eses días –  e certo uso e abuso das confianzas co goberno do Concello – que cos nosos impostos axuda e moito a que o torneo se celebre – , en realidade a culpa é de quen permite eses comportamentos, así que nin sequera diso vou falar, porque non é o tema agora mesmo, queda para máis adiante.

A foto foi feita no momento culminante do torneo, durante a celebración da final.  O partido que, se o torneo fora de cara aos afeccionados ao fútbol o que se nos conta, debería ter as gradas abarrotadas e o aforo sobrepasado, e ese aparcadoiro, en segunda liña,  non direi nin moito menos cheo, pero si algo máis habitado. Nada máis lonxe da realidade. Sobroume onde aparcar a pe de campo, e aínda que certamente había xente, eran basicamente os deportistas que xogaron os partidos esa mañá,  as súas familias e os corpos técnicos. A única grada saturada era o “palco de autoridades“, ou máis ben a “fila de autoridades”, que tampouco eran tantas. Nada máis.

Ao final, a foto que vos comparto máis arriba, dun aparcadoiro valeiro en hora punta, e as propias fotos publicadas polo Concello, demostran que todo o triunfalismo e soberbia do alcalde, que falaba de miles e miles e miles  de visitantes, era fume.  O cal non ten que ver co exito ou non do evento, ten que ver coa realidade de Ribadumia, que non é Vilagarcia.

foto publicada polo Concello dunha das xornadas do AF7. Moito deporte, escaso público.

  Ven moita xente ao AF7? Ven a que corresponde cun torneo desas características, que vai en consonancia co número de nenos e equipos participando, pero nin ven tantisima xente nin o evento ten tanta relevancia para o noso Concello como para que o noso alcalde fale del cada vez que abre a boca, ata o absurdo de mandar un comunicado á prensa decindo que se contratan tres empresas de desbroce cun custe de 20.000 € para adecentar o concello de cara o AF7. De feito, penso que o hooliganismo que David practica na defensa dese evento resulta contraproducente, ata o punto de que gracias a esa maneira de actuar, a visión dende fora acabou sendo a de que nin fu nin fa que teñamos un evento dese nivel en Ribadumia, e rematou por poñer el só a mais xente en contra que a favor del.

  Na mesma mañá do final do torneo de fútbol, en Leiro/Besomaño, tiña lugar unha xornada de BTT, organizada polo  Club Ciclista  Ribadumia, un club local que non recibiu por parte do alcalde  nin a décima parte de atención que o AF7  xestionado por unha empresa de fora.  Houbo nese evento  tres veces máis xente. Certo que era eventos distintos e non comparables, pero dende logo, se un evento  deixou cartos en Ribadumia a pasada fin de semana foi a Mini BTT  , non o AF7.

Á MiniBTT o alcalde dedicoulle quince minutos, igual vinte, para entregar premios e facerse fotos. Logo escapou correndo co Presidente  da Deputación, outro “municipalista” de postín, a gozar xa con máis calma do fútbol en Ribadumia, e por suposto facerse fotos entregando trofeos e moitos apretóns de mans a xente que falaba outro idimoa.

Fican claras as prioridades.

Dende a política á hora de apoiar un evento deportivo débense valorar moitas cousas, ningunha delas debe ser, cando menos non como prioridade, o suposto “estatus”,  e en ningún caso o bonitas que van quedar as fotos, non digamos xa outros intereses persoais. Non o debe facer a xente que está en política porque quere aportar á sociedade, nin o debe facer xente que está por outras cousas e vive nunha permanente visión electoralista como no caso de David, que só pensa nos votos. Por iso que non entendo, aínda que podo ter certas sospeitas, os motivos da paixón incontrolada de David polo AF7 cando hai outros eventos organizados por entidades locais moito máis interesantes neses aspectos que a el tanto lle preocupan. Eu non defendo nin defenderei esa maneira de entender a política, pero se a idea é xuntar votos, priorizar eventos organizados por entidades privadas de fora do noso concello, cun favoritismo tan esaxerado, en detrimento do apoio a entidades locais, é unha maneira moi fea de cavarse unha tumba política.

A min non me sobra ningún evento, pero se hai que ter prioridades, sexa por motivo da xestión dos recursos, sexa por outro motivo, as miñas sempre serán as dos eventos que nacen onde vivo, que é en Ribadumia. Outros xa deixaron claro que son moito mais flexibles cos seus principios.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Nos dez anos de Somos Ribadumia.

  Este pasado 1 de marzo Somos Ribadumia cumpriu dez anos. Que se di pronto.  Naceu, como moitas outras formacións ao longo do país, nun momento político intenso. Dende entón, moito choveu e moito mudou a situación.

  A nós déronnos por mortos varias veces, pero  seguimos aquí.  E seguimos penso que por tres motivos. O primeiro: lealdade. Con nós mesmos, e con manter o esencial do noso proxecto, municipalista e centrado nos problemas da nosa veciñanza. O segundo: organización. Somos Ribadumia non é o caos visto en outros sitios, con formatos que de tan puros resultaron autodestructivos ou tan verticais que cando o líder se retira ou se vende a un grande, o partido desaparece. Somos un grupo organizado e estruturado, cos órganos de decisión e de traballo  ben definidos. Terceiro: traballo, moito traballo. Para min, o  traballo diario é o que asenta os proxectos políticos, aparta a certo tipo de persoas, e fai equipos fortes e estables.

   A  isto sumámoslle que  gracias precisamente ao noso carácter municipalista, desenvolvémonos con total transversalidade. Non depender “dos de arriba”  nin de proxectos tan amplos como etereos e alonxados da realidade, permítenos  desenvolver unha política libre de ataduras e moito máis próxima ás persoas, o cal  é a nosa principal razón de ser.

  Esta pasada fin de semana celebramos a nosa asemblea anual. Nela  analizamos a nosa situación  e concordamos en que ademais de ter un proxecto moi estable,  estamos indo polo camiño que nos marcamos. Os datos demostran que traballamos  moito máis en todos os aspectos da vida política que calquera outra forza no noso Concello e, permitídeme que o poña en valor, que calquera forza na oposición da comarca. Sergio, que asumiu a concellería en xuño do 2023 sen apenas experiencia, ano e medio despois é o Concelleiro con máis información e  coñecemento da xestión do noso Concello, máis incluso que calquera membro do goberno,  e está desenvolvendo un papel crucial nas relacións do partido con colectivos e coa veciñanza. Ademais, non está só. Ten con él un equipo estable e en crecemento, con persoas que queren aportar e axudar a que o noso Concello e a calidade de vida da nosa veciñanza mellore.

Resumindo: 10 anos despois somos un proxecto estable, forte e con futuro.

A maiores, hai unha realidade que pasa desapercibida:  Somos Ribadumia non está só no panorama político do país.  O municipalismo  non é un movemento  morto, nin moito menos condenado á desaparición, de feito  goberna  e lidera a oposición en varias ducias de Concellos de toda  Galicia.  E estamos moito máis conectados do que se pensa, a través de mecanismos de colaboración e grupos de traballo. Esta fin de semana haberá un encontro, un de moitos,  que pasará seguramente desapercibido, pero que nos fará un pouco máis fortes de cara o futuro político do noso país. Un futuro que será  municipalista ou non será, pois está visto que o “sota,cabalo e rei” por si só nin se vai mover, nin vai traer cambio ningún.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Un ano de parálise mancomunada.

Fai xa máis dun ano que David Castro preside a Mancomunidade. Supuxo o cambio algunha mellora, tal como prometeu? Vexamos.

Fracaso na xestión política dos recursos compartidos. Da urxente ampliación da depuradora de Treviscoso  retorno ao punto de partida, ou sexa un atraso de dez anos, con promesas ocas e cero euros da Xunta. Ademais estamos tendo  moitos problemas coa depuración da auga, que leva meses chegando turbia as casas, sen que ninguén faga nada. O bombeo de Cabanelas, 950.000 €, pero seguen os verquidos. Compras de terreos e investimentos varios paralizados.  Anunciouse un xeriátrico mancomunado. Resultou ser un bluff para tapar as vergoñas do PP cambadés. Porque esa é outra, resulta que David preside e Sabela  manda. Como alcalde renunciou a elaboración dun Plan de Igualdade mancomunado, que  se viña mantendo  dende 2016, e antes renunciou a varios  servizos de maquinaria e mantemento. Leedes ben: o Presidente dunha Mancomunidade que renuncia a servizos mancomunados.  

Nas relacións políticas, imprescindibles para que a Mancomunidade funcione, pois  peor. Incapaz de poñer de acordo nin aos do seu partido, que o deixaron tirado e en ridículo  nalgún caso e só no resto. Os Plenos  sen alcaldes, e as Comisións Executivas  do ente comarcal paralizadas  nunha situación  única,  froito da súa incapacidade. E cada vez que se move empeora. Agora quere comprar unha nave, pero no canto de, antes de nada, falar cos alcaldes e alcaldesa da comarca que son os que teñen que pagar a compra,  anunciao na prensa.  

O erro do PP, fora a propia moción de censura,  foi poñer a unha persoa que non da o perfil. Canto mellor era por exemplo Carlos Vieitez, un home ligado laboralmente á Mancomunidade, que coñece moi ben este ente, e ten unha relación moito máis normalizada coa maioría dos alcaldes da comarca,  cunha xestión económica no seu Concello a anos luz do desastre de David en Ribadumia e cun peso político no PP á alza, como se mirou no seu xantar de Nadal e nos investimentos que está recibindo. Pero o PP deixouse guiar polas paranoias de Durán e as ansias de destacar   de Sabela, que toparon no decaído David (-1000 votos) o figurante perfecto. A sorte do propio PP está no PSOE, que se limita a manter a posición. O acerto do PSOE é non dar máis importancia á Mancomunidade da que ten, pero ese tamén é o seu erro, ademais reincidente,  por que a realidade é que a mancomunidade pode ser e está sendo unha ferramenta política, e nas mans de persoas como David e Sabela, que non xogan coas normas establecidas e só queren o ente para medrar persoalmente, iso é un problema político de primeiro orde e un perigo para o futuro do ente comarcal.  

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Sobre o cambio de céspede do Umia.

   Penso que chegados a este punto, e logo dos exercicios malabares dialécticos que no último pleno do Concello fixo a concelleira de Contas para intentar xustificar o inxustificable, irá ben aclarar un par de detalles sobre as partidas económicas e como se gastan os cartos nun Concello.

   Tomo de exemplo a partida para o cambio de céspede do Umia, que para empezar é moi urxente. Se un goberno dota unha partida no orzamento para unha obra, iso significa que está apartando “eses” cartos para “esa” obra. Pode ser que a partida non sexa suficiente,  ou que sobre, e pode ser que despois a obra se faga ou, como neste caso, non se faga. Pero dende o momento no que se dota a partida, os cartos que se poñan nela están dispoñibles para esa obra, e isto hai que remarcalo. Despois poden pasar cousas, pero de inicio os cartos están dispoñibles en canto o orzamento entra en vigor.

   No caso do cambio de céspede do Umia. Dotouse unha partida que non é que fóra ou non  suficiente, é que cando se dotou, o proxecto para o cambio de céspede estaba redactado e perfectamente calculada e encaixada a partida co custe da obra. Dito doutro xeito, dotouse unha partida polo valor do que costaba a obra, á que unicamente lle faltaba o proceso de licitación e posterior execución.

   Non só iso. A partida de 267.000 € tiña a orixe dos cartos en tres sitios distintos. Por un lado unha axuda da Deputación, en torno a 40.000€; por outro lado 100.000 € que o Concello saca da liña económica que a Deputación da anualmente ao Concello  para obras, e os 127.000 € restantes que saen das arcas municipais. Todos e cada un deses euros, no momento de aprobarse o orzamento contaban con tódolos parabéns legais, a subvención estaba aprobada e o resto de fondos dispoñibles.

   Concretando: dende o momento de aprobarse o orzamento, o Concello xa dispoñía dos cartos suficientes para realizar o cambio de céspede. 267.178,91 € , contantes e sonantes.

Porque non se fixo o choio? Por que  David e Miguel non quixeron. Nin máis, nin menos.

A partir de aquí empezan as escusas e tamén películas, que compre aclarar, e vou obviar toda a parte de promesas incumpridas  e concelleiros  pillados na mentira, para ir directamente ás declaracións en Pleno.

 Primeiro o alcalde dixo que non había cartos suficientes e se estaba buscando financiamento. Está recollido no vídeo do Pleno onde o dixo, varias veces ademais. A única maneira de que non houbese cartos é que a parte que tiña que saír das arcas municipais o señor alcalde a dedicara a outra cousa.  Isto pode facerse? Si, con certas limitacións, pero non veñen ao caso. Se foi así efectivamente o alcalde non ten cartos, pero porque os gastou onde non correspondía. Pero se iso fóra así, e o alcalde quixera facer a obra pronto, xa tería realizado unha modificación de crédito para coller os cartos que lle faltaran , mais non foi o caso.

  Ao contrario, por que  agora chegou a concelleira de contas dicindo, nun xiro de guión ao máis puro estilo Shyamalan, e poñendo ao alcalde de mentireiro (niso estivo acertada) ,  que a partida está dispoñible, ou sexa que non se tocou , e que a obra sinxelamente está sen facer,  pero que non pasa nada  por que  pode facerse o ano que ven.  Xa claro, ou dentro de cinco anos. Pero para o caso, para trasladar  a partida económica ao orzamento  do ano próximo sen que lle afecte a este, que era ao que se refería a concelleira con esa afirmación,  ten que cumprirse que os cartos ao longo do ano non se toquen para que non teñan efecto sobre o resto. De ser este o caso, e de ser certo o que dixo a concelleira, o alcalde ten hoxe 267.000 € parados de maneira intencionada. 267.000 € que, se non se quería facer ese investimento ata o ano próximo,   se poderían neste ano  ter dedicado a outras cousas, que onde metelos hai abondo, máis con este desastre de goberno que temos.

   Marear cos números e as definicións para non falar do que importa. Ao fin, gastara os cartos  noutra cousa ou non os gastara, a realidade  é que a obra está sen facer tendo cartos dispoñibles dende fai seis meses. E está sen facer por puro capricho de dúas persoas: David Castro e Miguel Castro. E non queren facer esa obra sabendo que o club está apercibido e que en calquera momento lle pechan o campo porque están agardando a ver se a actual directiva cae e entra unha nova  “máis amigable”, que lles permita facer politiqueo a través dun club deportivo.  E esa é a única verdade do que está pasando. Por certo, documentada en todos os aspectos.

  Dixo o alcalde o outro día que cando se faga a obra será gracias á xestión do goberno local. Solo faltaría! . Dende logo non se vai facer unha obra nun campo de titularidade do Concello de Ribadumia gracias a xestión  do Concello de Cambados.

 O que non dixo David é que esa obra leva anos sen facerse precisamente  gracias a el, que non é alcalde dende onte pola mañá, xa leva un tempiño, nin que está sen facer por puro capricho seu. Iso, polo que fora, non lle acordou dicilo.  

 

 

 

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

O  NON 25N de David Castro.

   Certas cousas para falar delas é mellor darlle uns días e sácalas de certos contextos e evitar así malas interpretacións. 

O luns da semana pasada foi o 25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.  O titulo xa da  idea de que vai, pero hai quen xoga ao despiste. Neste día, obrigado polas modas e pola dinámica política, David Castro organizou un acto  no auditorio cunhas por certo  moi boas actuacións, un gasto xeitoso  a unha hora á que non ía ir e non foi  case ninguén. Tamén se  leeu unha declaración institucional, como todos os anos, moi ben elaborada polo persoal do CIM.

  Entre as actuacións e a lectura formal do manifesto,  David  botou un pequeno speech de colleita propia. Catro minutos escasos pero moi  esclarecedores. Ese speech  é o exemplo do alcalde que temos e das ideas que ten. En toda a súa alocución usou a verba “violencia” unha única vez.  Recordemos: no 25N. Termos como “violencia de xénero”, “violencia machista”, “ machismo”, “ mulleres mortas”, non os usou nin unha sóa vez, tampouco a verba “vítima”.  Nin sequera chegou a usar enteira a designación para ese día. De feito o descurso, colgado nas redes do concello,  era máis atribuíble –  sendo benévolo e tendo en conta certo uso insistente do termo igualdade –  ao 8M, data na que se pon o foco na loita pola igualdade laboral e social das mulleres con respecto aos homes. Así pois, no seu discurso no día contra a violencia que mata mulleres, David falou doutras cousas. Pero por se fóra pouco, algo que polo fondo que ten para mín resultou moi grave foi que ese señor que non esquezamos é alcalde tivo a ben dicir e insistir en que neste eido – o da igualdade , non o da violencias machista – “se fixo moito dende os anos cincuenta”. Avances nos dereitos das mulleres durante o franquismo? En serio? Nun descurso do ano 2024? Pois ese é o nivel.

Non foi só iso. Nese acto estaban presentes varias representantes da única asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da comarca (ESMAR), con sede por certo en Ribadumia. Pois David tivo verbas de recoñecemento  para os políticos presentes, os artistas, o persoal do concello… para todos os presentes agás as representantes dese colectivo, ás que ignorou e invisibilizou   completamente e de maneira  moi intencionada.

David Castro non deixa de ser outro negacionista do machismo e das súas consecuencias, e aínda que usa artificios para ocultar a súa postura e aparentar outra cousa,  se un está un pouco atendo, pode ver a trampa: actos a deshora para minimizar a súa repercusión,  descursos valeiros e cando non  sempre compartidos e feitos (asegurándose de que se saiba) por outras persoas, puntos morados ocultos nas festas, accións con grandes títulos pero alleas á cuestión da violencia machista,  invisibilización  do colectivo e un longo etc de falsas aparencias.  Aínda así  David non pode evitar que se lle note,  cando se queda só cun micrófono diante, que realmente non cree en “todo iso”  da  violencia machista nin na loita feminista. E nisto, eu tiña outra idea deste home, pero estaba errado.

Persoas como David Castro, que no exercicio do seu cargo público  invisibilizan, cando non negan directamente, a existencia  da violencia machista,  son un perigo e un problema na loita contra esta lacra  e para as  propias vítimas, por que coa súa negación e a súa invisibilización desta realidade, que xa levou por diante este ano a vida de 43 mulleres ás que hai que sumar, e non esquecer, 9 nenos e nenas pola violencia vicaria – e aínda queda decembro -, queiran ou non están validando os comportamientos violentos contra as mulleres e tamén contra os seus fillos e fillas, e dándolle xustificacións aos maltratadores, e isto só sirve   para que o número de vítimas siga aumentando. 

Chamarlle ás cousas polo seu nome e falar claro non é ser alarmista, é ser realista. E esta realidade só se pode cambiar facendoa visible e enfrontandoa.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

A suba do lixo en Ribadumia.

O recibo do lixo en Ribadumia está  para as familias  en 52€/ano.  Isto non cubre custe do servizo, que  se move nos 140 €/ano por vivenda. Quen está hoxe pagando a diferenza entre o que chega  no recibo  e o custe real? Asumeo o Concello  a conta da caixa común. Ou sexa, que pagamos todos  e todas pero de maneira indirecta.

  O próximo ano haberá un cambio importante. Por lei os Concellos deberán repercutir o custe  total da xestión do lixo  aos usuarios do servizo. Ademais disto, SOGAMA, pola mesma lexislación e grazas sobre todo a unha xestión nefasta  durante anos, xa subiu o prezo de cada tonelada de lixo que recibe de 76 a 108 euros, case o dobre do que estaba cobrando.  Como consecuencia de todo isto  o recibo do lixo nos Concellos que como o de Ribadumia nestes anos non fixeron os deberes, vai subir dunha maneira brutal.

O certo é que estes cambios lexislativos non chegan de sorpresa. Fai máis de dez anos que están anunciados. E Ribadumia podería hoxe esquivar esa suba no recibo do lixo. Entre o 2015 e o 2019 , dende as miñas responsabilidades no Concello de Ribadumia fixemos, non sen atrancos do alcalde, un traballo enorme, con estudos técnicos, probas piloto como os composteiros comunitarios, reparto de composteiros no rural, formación e coñecemento de diversas solucións, todo para, con tempo e boa xestión dos recursos,  poder implantar en Ribadumia fórmulas que evitarán esta suba que, insisto, era sabida que ía acontecer.

Porén, dende o 2019 non se fixo nada. A David Castro  non lle  parecía nin prioritario nin urxente seguir con ese traballo e por en  marcha medidas na mellora do tratamento do lixo, impulsar a compostaxe doméstica no rural e a colectiva no urbano, nin mellorar a reciclaxe.  “Esas cousas son malas de explicar e crean malestar” díxome nunha ocasión.

 Agora a realidade  peta nas caras e,  por culpa desa maneira de pensar de David, na carteira da veciñanza.  Estes días fálase das medidas que varios concellos da comarca puxeron en marcha para paliar cando menos en parte o pau no recibo do lixo. E que Concello non aparece por ningures  porque non está facendo nada? Ribadumia.

A condena é inevitable. No 2025 a veciñanza e as empresas van levar unha suba do lixo que vai ser superior ao dobre do que pagan agora. E David Castro, que primeiro estorbou a quen queriamos evitar o pau e despois non fixo nada, culpará a outros da súa inutilidade.

Pódese evitar está suba? Xa non. Non da tempo. Pero pódese reverter, mellorar o tratamento do noso lixo e máis adiante volver a baixar o recibo. Pero para iso, o primeiro é sacar do goberno ao incompetente que asegura que nos goberna pero nin está, nin se lle espera. Non hai outra maneira.

Por certo, a foto que acompaña este artigo é dun contedor calquera no noso Concello, porque pagar pagamos para que o Concello xestione o lixo, pero despois as cousas están como están.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

As mil e unha traizóns de David Castro.

O alcalde de Ribadumia e presidente da Mancomunidade do Salnés oféndese moito cando o tratan de traidor. Pero os feitos falan.

 David traizoou ao PP pasándose aos Independientes por Ribadumia cando Rafa Louzán optou por Salomé para a alcaldía e non por el. Máis  adiante traizoou a quen o puxemos de alcalde, de moitas maneiras. Logo traizoou á veciñanza, a parte dos seus propios compañeiros e compañeiras e a quen deu a cara por el como independente cando  vendeu a súa volta ao PP. Despois, cando asaltou a Mancomunidade traizoou a Carlos Viéitez ao colocar a Asperez de delegado de Turismo e tentar  poñerlle un salario. Logo traizoou a Asperez, a quen a parte dunha nómina prometeulle a alcaldía de Meaño (e glorioso paso ao PP coa mesma estratexia seguida en Ribadumia), ao recuar, no medio do bochorno,  cando menos nunha das dúas promesas, veremos se das dúas. E nesta última semana traizoou ao PSOE ao romper un acordo con menos de quince días e colocar a Sabela Fole na Vicepresidencia da Mancomunidade.

Esas son as traizóns grandes, todas coñecidas. Pero logo están as pequenas traizóns. As promesas incumpridas e as reunións e as chamadas que nunca chegan, algo do que  da fe, e cada día máis, a veciñanza e os cargos políticos da comarca.

A patina de boa persoa coa que David  se cubriu para poder medrar en política, xa se lle foi toda. Do home candidato bueniño que se presentou unicamente “para sacar a Salomé do goberno estar como moito oito anos e despois retirarse” (promesa súa aos seus) só queda o que sempre foi , unha persoa que unicamente mira por si mesma, incapaz de gobernar pero decidida a chegar como sexa a un lugar onde non faga falla dar a cara nin xestionar nada para que entren os cartos.

  A min iso dáme igual. Que os do PP atendan del. Pero ese señor goberna o meu concello e a Mancomunidade, e non ten o máis mínimo interese nin nunha cousa nin na outra. A Mancomunidade era o exemplo de que é posible o entendemento entre contrarios. Pero David  fixo nese ente o mesmo que fixo en Ribadumia, apoiarse en outros para chegar arriba, e despois rebentar todo, traizoando e mentindo a todo o mundo. Porque o obxectivo non é arranxar nin mudar nada, o obxectivo é seguir ata a próxima meta.

 Todo isto ven ao conto de que as consecuencias desta maneira de andar pola vida, van ser que se o PSOE fai valeiro á Mancomunidade, vanse perder postos de traballo, moitos deles de Ribadumia, e sen concellos que asuman os servizos mancomunados, teremos, que asumilos nós ou perdelos, no noso caso segundo decida David.  Nas súas propias verbas, o que nos vai traer a súa maneira de actuar é unha  perda de servizos  e unha suba de impostos, ademais importante.

A traizón número mil unha. Ao tempo.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario