Non podemos pensar en lograr unha igualdade real entre persoas, entre homes e mulleres, entre persoas con distinto ton de pel ou distinta orientación sexual, relixión ou procedencia social, se non educamos nestes valores ás nenas e aos nenos.
Poren, dende o goberno local podíamos agarrarnos á máxima de que a educación é cousa de pais e de mestres, e de que dentro do colexio as competencias son de Educación. Podíamos deixar pasar a lexislatura e limitarnos ó típico, poñer farolas, asfaltar, un murete por aquí, unhas beirarúas por alá, esas cousas necesarias que todos os gobernos fan, que mesmo poden dar algún voto, pero que nin supoñen un compromiso coa nosa sociedade nin axudan a facer deste mundo un lugar mellor.
Eu non viñen á política para iso, e Somos Ribadumia tampouco naceu para iso. No noso ADN hai un fondo compromiso social que inclúe pensar no futuro.
Así que se queríamos avanzar na igualdade das persoas, non podiamos quedarnos nos discursos das datas sinaladas e na zona de confort político. Os homes que o día de mañá van matar as súas parellas son hoxe nenos inocentes que se están formando como persoas, e é agora cando se lle deben inculcar os valores correctos. E o mesmo podemos dicir dos homofobos do futuro, ou de todas as outras intolerancias .
Por iso tiñamos claro que o futuro o tiñamos que traballar agora, e involucrarnos dende o goberno, e pasamos á acción, primeiro analizando cal era a situación. E vimos que non había ningunha coordinación entre o colexio e servizos sociais, o cal facía difícil detectar e solucionar moitos problemas, que moitas veces teñen a orixe nunha situación familiar concreta. E vimos que había cuestións que se nos estaban escapando a uns e a outros, e remataban con pais e nais acudindo cos seus fillos a servizos sociais por algún problema no colexio. Tres ou catro casos cada curso.
E actuamos. E agora, tres anos despois, podemos dicir que o traballo feito, as xornadas sobre igualdade, as charlas, as actividades de concienciación, a coordinación fluída entre o colexio e os servizos sociais do concello… todo iso funcionou e logramos obxectivos. Levamos dous cursos sen apenas problemas, e os que hai soluciónanse en tempo e forma, o cal favorece a nenos e familias. E estamos axudando a formar en igualdade a nenos e nenas, asentando o futuro.
Estou orgulloso do logrado, pero tamén agradecido, a nais e pais, ANPA, á dirección e ó profesorado do colexio, ó persoal do concello, a asociacións diversas que nos axudan. E ós nenos. Sobre todo a eles, que son os que nos van salvar.