Ultimamente estamos asistindo a unha campaña de empuxe e derribo do Partido Popular de Ribadumia contra o goberno municipal, do que formo parte como representante de Somos Ribadumia. Esto non debería ter nada de especial, a fin de contas o PP é o partido da oposición e con dúas persoas liberadas e cobrando algo suponse que teñen que facer, se non fora polas formas que utilizan e polas cuestións coas que nos salen Luis Serantes e compañia. A formula seguida polo PP é sinxela, atacar á Deputación con todo, con razon ou sen ela, e calar cando quen nos prexudique nalgo sexa a Xunta de Galicia do Partido Popular.
Esta maneira interesada de actuar ten a resposta política que corresponde nos espazos de debate político, como os plenos municipais, pero sobre todo co traballo diario que é o que nos define máis aló do que o PP diga de nos.
Pero con todo, ante as últimas declaracións do pope local do PP, Luís Serantes, crin necesario, dende unha perspectiva particular, dirixirlle unhas verbas en forma de carta aberta enviada ós medios. Moito me gustaría extenderme sobre as actitudes e formas do PP local, pero dado o limitado do espazo na prensa, tiven que condensar. transcribo a carta tal cual foi enviada.
“CARTA ABERTA A LUIS SERANTES: imposible facelo peor… na oposición.
Vexo, benquerido Luis Serantes, que ultimamente suples a Salomé Peña, non sei se colliches xa por fin o relevo, pero tendo en conta que xa sabiamos que eras quen lle redactaba todo, polo menos agora aforramos a recadeira.
Recoméndoche que antes de opinar sobre emerxencia social pases polo concello e fales co persoal que atende ás familias máis desfavorecidas. Pola miña banda, solo che direi que estou moi orgulloso do traballo que estamos facendo. Eu, a diferencia de ti, non concibo ás familias desfavorecidas como unha clase social, os “pobres”, se non como persoas as que hai que axudar a saír adiante, e esa axuda non consiste en dar esmola.
Pero non quería falar diso, senón da penosa oposición que estades facendo. Non se pode ser máis demagóxico e interesado, e á vez facelo peor. Colliches un comentario da presidenta da Deputación que non era anuncio de nada, sacáchelo de contexto e montaches un espectáculo, con frases duras, declaracións na porta do parque de bombeiros… Dúas semanas despois, os bombeiros seguen onde estaban, se os chamamos acoden a facer o seu traballo, e nada cambiou. Non notamos ningún prexuízo.
Pero si o notamos noutro lado, e moito. Porque mentres vos faciades o parvo no polígono, o Sergas decidiu non cubrir a falta dunha das nosas médicas, provocando o caos e a saturación do servizo. Tamén desapareceu do noso centro de saúde o pediatra, e agora as nais e os pais teñen que desprazarse a Cambados e, ademais de salvar a distancia, compartir con outros concellos un servizo saturado.
A atención sanitaria no noso concello esta empeorando a pasos axigantados gracias ó Partido Popular e o señor Feijoo, pero como eses son “os vosos”, non facedes nada. Absolutamente nada. Deixades os vosos veciños tirados. Estando na oposición, e coas vosas posibilidades, non se pode facer peor.”
Pingback: Non cola, Luís. | ENRIQUEoubiña