Ó redor do “Mes da Diversidade”.

   30171560_161616194531829_5372792010335198941_o - copia (2)Onte iniciamos as actividades do que demos en chamar “Mes da Diversidade”.  Ó longo de todo este xuño imos ter en Ribadumia  diferentes tipos de actividades relacionadas coa visibilización  da diversidade sexual. Unha serie de actividades moi variadas, que van dende a información no colexio e para os pais, ata  eventos máis lúdicos, fotografia, teatro, literatura, cine, música… mesmo un xantar de confraternidade.  E no medio disto, a presentación de “Gotas”, unha asociación pola diversidade social, que participa na organización xunto co concello.

   Para min toda esta axenda, todo o que se vai facer neste mes, pero sobre todo o nacemento de Gotas, ten unha importancia vital no eido social , na visibilización destes colectivos e no camiño cara a normalización e posta en valor de todo o que nos diferencia as persoas  como algo positivo, e non como unha lacra. E gustaríame compartir con vos unhas reflexións relativas a todo isto, que me afecta moi persoalmente, pois puxen moitísima ilusión e moito empeño nesta cuestión.

  A primeira,  o cambio que supón, a nivel social e a nivel político, pasar de non ter nin unha triste bandeira multicolor no Concello a organizar todo un mes de actividades. Reflexionade por favor sobre iso.

   A segunda, un agradecemento. Cando lle propuxen a Santi, o educador familiar, por primeira vez “facer algo” con motivo do Día do Orgullo, miroume con cara rara. Rarísima máis ben, reflexando o mesmo pensamento que unha persoa de confianza me expresou en alto: “a ver, que isto é Ribadumia”. Pois precisamente por iso. Logo  fomos traballando a cousa, dándolle voltas durante meses e buscándolle o xeito. Dixen fomos traballando, pero debo dicir que sobre todo  o que currou foi Santi. E isto é moi importante, por que para comezar este home non ten entre as súas obrigas laborais nada do que está facendo con este tema, e sen embargo tomouno moi en serio e está realizando un traballo enorme, e notase que con moita ilusión. O meu agradecemento non se pode medir.

   A  terceira, unha alegría. Porque no medio de todo isto un bo día tiven coñecemento de que había un grupo de persoas que querían crear unha asociación, de nome “Gotas” que eles denominan “pola diversidade social”. Contarán con todo o noso apoio. Ademais encántame o nome, e encántame esta denominación, totalmente inclusiva. Que nun concello rural naza unha entidade destas características, ademais única (quero pensar que solo de momento)  na comarca,  ten unha importancia social enorme. Tremenda. E que se sumaran con esa ilusión e forza a todo  isto, convertindose na outra pata imprescindible para que saía adiante, para min é unha satisfacción enorme.

  A cuarta, o apoio que estamos tendo. Por que a ilusión que Santi e a xente de Gotas lle puxeron ó tema, contaxiouse, e iso notase.  Nótase no apoio mostrado por outros colectivos, ou por negocios privados como O Encontro ou A da Conda, que van dispoñer, ademais de moi boa gana, o seu espazo para algunha das actividades; nótase na xente de aquí e de acolá que se esta interesando, nas persoas, moitas,  que van participar dalgún xeito e facer posible que isto funcione…

   A  quinta, a necesidade que había de algo así. Por moitos motivos. Por que non podemos como sociedade seguir vivindo no medievo, mirando de esguello ás persoas que sexan diferentes a nos, nin desprezalas socialmente obrigandoas a vivir dentro dun ropeiro, por exemplo. E xa non entro a falar da falta de dereitos nin noutras cuestións, para non envelenarme nin alargarme con isto.

  E remato. Anímovos a participar nas actividades deste mes. Todas son interesantes, unhas máis formais, faranvos pensar en moitas cousas, e outras máis lúdicas e festivas, coas que vos divertiredes, que tamén está ben, e ademais tamén vos farán pensar.

  Pero sobre todo, sobre todo, anímovos a participar por que creo que é necesario que mudemos moitas cousas, e este é un camiño.

30171560_161616194531829_5372792010335198941_o - copia

enlaces:

https://www.facebook.com/mesdadiversidade/

https://www.facebook.com/GOTASapds/

 

P.D. Un apunte dende o político que vive en min. Dende que chegamos o goberno, axudamos a visibilizar o maltrato de xénero, primeiro apoiando a creación de ESMAR, a primeira entidade de apoio ás vítimas da comarca, logo creando o programa “Conta Comigo” , un programa totalmente innovador, tanto na forma como no fondo, que esta creando unha rede de puntos seguros a través do comercio local e un grupo de voluntariado de apoio. Agora axudamos a visibilizar o colectivo LGTBQI+ … A pesar das criticas dalgúns, penso  que algo, mesmo diría  que moito,  estamos facendo, e  penso que estamos acertando coa liña de traballo. Para min, a política  (tamén)   é isto …

Esta entrada foi publicada en Cousas de Ribadumia, cousas miñas. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s