De viaxes: Croacia (pasando por Bosnia e Montenegro)

 Veño de investir uns días en coñecer Croacia, cun par de escapadas aos paises veciños de Bosnia-Herzegovina e Montenegro.

   Croacia é un destino turístico en alza, empurrado polos cruceiros e polo cine e a tele, con series como  “Juego de Tronos” ou o último capitulo de “star wars”,  que puxeron a Dubrovnik no mapa do turismo friki.  Esa alza notase nos enclaves con máis afluencia, pero de momento mantense como un destino asequible e sen masificar. E dende logo calquera que visite o país poderá comprobar que hai moito máis que ver que Dubrovnik, e moito máis que facer que bañarse nesas augas tan transparentes e cálidas. Pero vaiamos por partes. Primeiro resumo un chisco como foi a viaxe, e logo deixovos varios apuntes xerais, por se pensades ir a croacia e vos pode ser de interes.

 653fb8ead2e750bd7ecd5e4c87e52039   Croacia ten unha superficie de  56.594 km2  , aproximadamente o dobre da superficie de Galicia.  Goza de variedade de climas, ben diferenciados, dende o Continental das rexións máis interiores ó clima mediterraneo de toda da franxa costeira, pasando pola península de Istria, que vai algo por libre, tanto que esta considerada a Toscana Croata. Vista a súa forma xeográfica, a viaxe, partindo da pretensión de coñecer a maior parte do país, solo podía plantexarse dun xeito: entrar por un lado e saír polo outro.

   O punto de entrada foi, así pois, Zagreb, e o de saída Dubrovnik. Imos alo … e poñamoslle fotos:

Día 1: Zagreb.

SONY DSC   Zagreb é a capital de Croacia, e dividese en dúas áreas claramente diferenciadas, a zona alta, que alberga un nucleo antigo moi ben conservado, e a zona baixa, totalmente urbana, con rúas anchas plagadas de radares. A zona vella, que é a que non deberiades perdervos, conta con varios monumentos a ter en conta: a catedral, con dúas enormes torres góticas, e a cuxos pes se celebra diariamente un mercado local, cheo de flores, produtos tipicos e corbatas, pois a orixe desta prenda de vestir axfisia-noivos  parece estar precisamente no exercito croata, cuxos soldados alo polo ano 1.600 levaban ó pescozo  unha prenda negra; dende a catedral é facil orientarse e subir á parte máis alta, pasando pola porta de pedra, a única porta de acceso das catro que tiña a antiga cidade que queda, afumada iso si por un incendio acontecido no ano 1731 onde solo se salvou a capilla, que dende aquela é considerada miragreira e recibe a moitos creentes. O curioso é que inda cheira a fume. Xa arriba, a praza de San Marcos, sede dos edificios gubernamentais, pero dominada pola igrexa do mesmo nome, característica polo seu tellado; dende alí podedes pasar polo curioso e raro “museo das relacións rotas” e achegarvos ata o Paseo Strossmaye, ó pé da torre Lotrščak, un sitiazo: moi boas vistas da cidade, postos de comida e bebida, música en directo, un xardín artístico… Un bo sitio para deixar morrer a tarde. Logo para cear algo ou tomar algunha pivo (cervexa), tedes entre a catedral e a porta de pedra a  Ulica Ivana Tkalčića, totalmente peatonal, moi aniamada  e chea de locais.

 

Dia 2: de Zagreb a Rijeka.

SONY DSC O segundo día foi un día transicions varias:  de interior a costa, de autopista a vías nacionais, de altas montañas a vales inmensos, de calor de interior clase continental a abafante calor mediterraneo… A autopista resultou ser unha trampa (sábado a finais de agosto nunha zona fronteiriza e na autovia que serve para comunicar o Ádriatico con Europa…) que  se levou case toda a maña por diante. Con todo, o día inda deu para visitar  o castelo de Trakošćan, de manual, con bosque e lago,  e a vila de Varaždin, comparada a miudo con Viena, que  se erixe entre barroca e renacentista e inda non esqueceu que durante 9 anos foi capital de croacia, ata que ardeu e se lles acabou o conto en favor de Zagreb; conta tamén cun cemiterio espectacular.    Por certo que a vila resultou estar en festas con todo o espazo ó redor do castelo ateigado de carpas, música, postos de bebida e comida, unha cantidade sorprendente de  parques infantís…

    Logo desta xornada, abafante de calor, tocou achegarse ó mar en busca da brisa, en concreto á cidade de Rijeka, que conta co maior porto de Croacia. Nesa cidade, que naceu a partires dun asentamento celta e dun poboado pesqueiro,  poden verse restos do antigo imperio romano e da epoca dos Habsburgo.

 

Día 3: percorrendo a península de Istria e tirando ata Senj.

SONY DSCA península de Istria, a maior en superficie de todo o Adriatico é comparada polo seu clima e polas suas viñas coa Toscana italiana, pertence a tres paises, Italia, Eslovenia e Croacia. A primeira parada foi Hum, a cidade máis pequena do mundo, cun censo que anda na ducia de persoas, tres cans, vinte ou trinta gatos e un telescopio. Chegar a Hum supón adentrarse de cheo na península, dotada dunha paisaxe formada por montes exubernantes e, debido a súa natureza caliza, interesantes cobas, algunha das cales sirveulle a Xulio Verne de inspiración para a súa obra “viaxe ó centro da terra”. Nesta viaxe non tocaba espeleoloxia, unha bagoa, pero quedou compensado coa cata de aceites e da  estrela da zona, a trufa branca. Unhas delicias que se poden probar e mercar en tendas de turisteo como as de Motovum ou Grozjan, vilas amuralladas encaramadas a cada seu monte, a moda construtiva no interior de Istria.

   Logo de percorrer o interior da península tocou por fin ver o mar. As vilas da  costa están orientadas ó turismo e á pesca, o cal fai posible comer unha boa parrillada de peixe ó caron do mar en calquera dos moitisimos restaurantes que invaden  vilas como Novigrad, Poreč, Rovinj.  Un consello aplicabe a toda Croacia: o peixe fresco está moi moi bo, pero págase algo caro e nas cartas figura a parte do peixe de granxa ou conxelado. Estas e outras vilas son de postal, están bastante ben coidadiñas e ben merecen a visita. Ademais o non estar saturadas son bastante tranquilas. O malo foi a calor. Iso de achegarse o mar en busca de fresco… pois non, de 40 grados pasou a 40 grados con brisa, si, pero dun aire quente que non había cervexa que derá hidratado… En fin. Logo de todo o día percorrendo a peninsula de Istria, e ante a posibilidade de ficar alí o resto da semana comendo peixe, bebendo birra e viño, un bo viño por certo, e cos pes para arriba no mar, houbo que optar por, sen chegar a visitar Pula e o seu importante legado romano, tomar rumbo sur, deixando atras, ademais de Pula,  unha parte da peninsula, co seu particular “fiordo”, un importante enclave mariño, e con toda esa historia acumulada, que fala de piratas, dun antigo alfabeto creado por santos (o glagolítico), de guerras… O coche viaxou raudo ata a vila mariñeira de Senj, xa fora da peninsula e tirando pola franxa costeira cara ó sur do país.

 

Día 4: parque nacional de Plitvice.

SONY DSC

 Unha das xoias naturais de Croacia é o Parque Nacional de Plitvice. Para chegar a el dende Senj hai que percorrer unha estrada tortuosa ó principio, ata superar a cordilleira de Velebit, unha sucesión de montañas que forma parte dos Alpes Dináricos e percorre croacia separando a costa do interior do país, protexendo este do clima mediterraneo. Resultado: unha diferencia entre a costa e o interior  de 10º, e isto notase na paisaxe, que muda dun xeito casi radical en media hora de coche. O interior que se descubre logo de pasar o cume de Vratnik  é de enormes vales, anchos, longos e planos, rodeados de montañas. E polo medio dunha desas montañas encontranse, abrigados por 30.000 hectareas de frondoso bosque, os lagos de Plitvice, patrimonio da Unesco. A sucesión de lagos encaixados entre as paredes calcareas da montaña e coa auga dun tono verde intenso é un espectaculo para a vista, pero require madrugar un chisco para evitar as colas na taquilla. Existen varias rutas para percorrer os lagos a pé, podendo facer algunha parte nun bus lanzadeira ou mesmo en barco no caso do lago máis grande. Todos estes  transportes dentro do parque están incluidos no prezo do billete, que anda nos 22€. De todas as rutas marcadas que permiten percorrer o parque do dereito e do revés, a máis recomendable e a H, que permite que, con calma, facendo fotos, parando, paseando sen agobios, se percorra o parque en case toda a súa extensión en cinco horas.

   Logo de gastar a maior parte do día no parque, tocou voltar para á ribeira do mar, a Zadar (ou Zara), centro turistico e cultural de Dalmacia. Zadar é unha cidade moderna, pero manten a zona amurallada e a vila antiga moi ben conservada. Unha cousa que me chamou a atención, en Zadar, pero tamen noutros lugares foi o escaso respecto que os habitantes locais teñen polos restos culturais. Zadar ten expostos ó aire libre e sen protección restos do antigo foro  romano, e os hosteleiros locais non teñen reparo ningún en usar os restos das columnas como bancos, mesas, etc…  Por outra banda, curiosamente , o que máis atrae os turistas de Zadar non son os seus restos historicos, se non o seu porto, co seu organo mariño, obra dun arquitecto croata, un tal Nikola Basic, que elaborou un paseo escalonado o que lle añadeu uns tubos de aire de diferentes tamaños; o mar empurra o aire que o saír por unhas aberturas crea diferentes acordes. Ó solpor, este paseo enchese de xente que disfruta da posta do sol,francamente impoñente, como todas as postas de sol nese país.

 

Día 5 : de Zadar a Split . 

SONY DSC

    Logo de catro días facendo kilómetros, xa tocaba buscar descanso, coa mirada orientada cara Bosnia e cara Dubrovnik. Dende Zadar hai unha estupenda autopista para chegar a Split rapidamente, pero seguir a liña de costa resulta moito máis interesante. Nas cercanias a Zadar toda a liña costeira, cos nucleos urbáns moi extendidos a todo o longo da estrada e a liña de mar feita de pura pedra, da unha imaxe  algo desanxelada e pode resultar un chisco  decepcionante, pero según a carretera vai baixando xurden as sorpresas. Šibenik por exemplo, unha cidade moi coidada, con dous castelos que ofreden vistas espectaculares e unha catedral patrimonio da Unesco (cando houbo guerra, o mundo deixou que se mataran entre eles, pero despois a Unesco fixose cargo de canta pedra tirada  había).

  Primošten é unha vila medieval levantada nun illote que acabou unido a terra por un paso artificial, outra das modas urbanisticas da Croacia medieval. Unha agradable sorpresa que non aparece nas guías turísticas. Por certo, en toda Croacia os núcleos antigos das vilas e cidades son estrictamente peatonais.

Pasando de puntillas por Trogir chegase a Split. A maior sorpresa da viaxe. Split é unha cidade moi importante,  pero garda un tesouro á beira do mar: a súa zona antiga. Internarse na vila antiga de split, por calquera das catro portas que lle dan acceso, significa entrar nun estreito laberinto, onde as diferentes épocas historicas se mezclan dun xeito moi  literal. Pero é que claro, a vila antiga para comezar non é tal, tratase dos restos do palacio que un emperador romano chamado  Diocleciano fixose construir para disfrutar da súa xubilación, e que varios siglos despois da súa morte foi ocupado polos croatas que precisaban protexerse dos ataques piratas. As diferentes reformas feitas ó longo dos anos consistiron en ir levantado sobre  o que había, mantendo todo o que non fora imprescindible retirar, e o resultado e un colage arquitectonico dificil de describir. Ademais, transformar un palacio nunha cidade sen tiralo todo abaixo ten consecuencias: as rúas son moi estreitas, puros ocos que quedaron entre os edificios, plagados de pasos subterraneos, e os negocios locais, restaurantes, tendas e axencias de turismo maiormente, estan montados do mesmo xeito, polo que é posible tomarse un anaco de pizza nun recuncho que en calquera outro lugar do mundo sería un museo.

   Split da para máis cousas. Para pagar a cervexa máis cara do país, por exemplo, ou para facer escursións as illas próximas, un negocio en alza. Ten moito tirón a denominada cova azul; o seu nome dio todo, pero ir ata a illa na que se atopa e disfrutar de quince minutos dentro dela logo de horas de cola e coa única posiblidade de facer fotos (nada de bañarse, bucear…), implica contratar pasaxe nun dos moitos barcos que ofertan un día de covas e praias virxenes visitando varias illas, pero a viaxe sae en máis de 100€. Ó meu parecer algo caro para o que ofrece.

   Tampouco resulta tan barato o aloxamento en Split, pero saíndo un pouco para as aforas podese encontrar apartamentos a pé de praia, por menos de cincuenta euros a noite.

 

Día 6: Omiš .

SONY DSC

O sexto día da viaxe foi de relax e descanso. Comezou cun baño matinal na praia. Praia de pedras e grava, querese decir, o de areas brancas é noutro país. O que si se cumpre é que a auga ten unha temperatura ideal e ademais loce limpa e transparente. Logo, xa pensando na comida, tocou visitar a vila cercana de Omiš. Antigo porto pirata, resultou ser outra desas sorpresas que non aparecen en ningunha guía. O profundo río Cetina desemboca a través dun oco entre montañas, e na súa desembocadura quedou no seu momento o espazo xusto para un pobo mariñeiro e pirata e, máis tarde, un castelo nun cantil. O turismo de aventura aquí ofrece moitas posibilidades, como o rafting, a tirolina, ou o parapente. Sen necesidade de xogarse a vida innecesariamente, podese optar por algo máis relaxado, como facer un paseo en chalupa polo río, atravesando o canón e subindo cinco kilometros por unha paraxe de gran beleza ata un vello muiño-restaurante, onde se pode disfrutar de troitas e anguilas  frescas, e dun pan cocido dentro dunha tapa de ferro fundido que lle de unha forma acampanada moi particular.  Logo de visitar Omiš , a mellor maneira de rematar  o día foi na praia,  disfrutando dunha cervexa e tirandolle fotos a unha posta de sol espléndida.

 

Día 7: Mostar (En Bosnia e Herzegovina).

SONY DSC

    Durante a guerra dos Balcáns, un señoriño chamado Slobodan Praljak, Comandante do Consello Croata de Defensa, tivo a ben mandar destruir a ponte de Mostar, símbolo durante 500 anos da presenza otomana no país. Por esta xenial idea (a ponte non tiña ningún valor militar, mandouna reventar por tocar a moral unicamente) e outras igual de boas e amigables foi xulgado despois da guerra. E pasaron máis cousas. O mundo sinteu vergoña desa guerra, como sempre cando o desastre  estaba feito, e a conciencia en forma de Unesco púxose a traballar para mitigar as marcas que había por todas partes, recuperando a golpe de talonario todo o que arruinaran os tanques. Todo menos as vidas humanas claro. En Croacia conseguiron mitigar as marcas da guerra, pero en Bosnia e Herzegovina a cousa funciona doutro xeito e a outro ritmo. Alí inda a día de hoxe o goberno esta fragmentado en varios polos étnicos, e controlado polo Consello da Unión Europea, non vaia ser que a volvan liar. E iso notase. Faime moita gracia ler que a Unesco rehabilitou a ponte de Mostar como simbolo de paz e da unión dos pobos e bla bla bla, máis que nada porque unha vez visto o pobo de Mostar, un dase conta que o único reconstrudo alí é a ponte, pois todo o demais está bastante estragado. Ademais contra o que moitos pensan, a memoria dunha guerra non se borra con cartos e turistas.

   Dito isto, a incursión dun día en Bosnia e Herzegovina deu para moito. Pola maña tocou cruzar a fronteira e visitar as cascadas de Kravice, por certo bastante agochadas incluso indo con gps. Vistas anteriormente as lagunas de Plevitze, estas quedanse algo desanxeladas, pero á paraxe segue sendo moi bonita.  Logo unha estrada  estreita e algo destartalada leva, pasando por Medugorge, un importante centro de peregrinación católica, ata Mostar. A zona reconstruida, coa súa sucesión de tendas e postos de artesanía,  ben merece a visita, pero sairse uns metros dela permite ver as ainda sangrantes marcas da guerra, e os templos reconstruidos das tres relixións que conviven alí . A poucos metros da ponte, saturada de turistas, é posible comer, nun restaurante moi adecuado para o asunto, as especialidades do país, que teñen unha importante influencia turca. Vista Mostar, e comprobado que, en contra o que poida parecer nun lugar onde inda cheira a polvora, a xente é moi amable e acolledora, tocou voltar a buscar a liña de mar, parando en  Počitelj, unha vila medieval moi ben conservada que destaca pola súa construcción case integramente turca.

 

Días 8 e 9. De Ston a Dubrovnik.

SONY DSC

   Logo de saír de Bosnia tocou facer noite en Ston, unha vila que son dúas, Ston e Mali Ston, unificadas por unha das murallas máis grandes do mundo, 8 Kilometros no seu momento, agora solo quedan 5. Pola noite non era plan visitar a vila, dou máis xeito cear unha mariscada local, que incluia un mexilóns regulares e unhas ostras tirando a pequeneiras, e abundancia de sal. O do sal na comida era esaxerado, pero pola mañá o misterio de tanta aficción ó salgado quedou resolta, de igual xeito que o motivo de levantar tamaña muralla: unhas salinas enormes que foron durante seculos o motor económico da vila e motivo de moita envexa. Coincidiu que a salina estaba en xornada de portas abertas e podiase visitar. Tamén se podía visitar e percorrer a  muralla, pola que por certo transcorre unha vez ó ano unha carreira durísima… O da muralla quedou para outra ocasión, pero dende as salinas lograbase unha vista espectacular do conxunto.

   Logo de visitar Ston e Mali Ston, o camiño ia dereito cara Dubrovnik. Mais o Renault Capture pasou de longo esta cidade ata chegar, logo dunha parada para comer na moi bonita, agochada e terriblemente turística vila de Cavtat, a Molunat, unha aldea mariñeira de 200 habitantes contando os clientes dos dous campings, onde quedou establecido o último punto de aloxamento, un apartamentiño con acceso privado ó mar, a 20 metros dun dos dos restaurantes, douscentos do outro, e cincuenta do único bar, que estaba á caron do único supermercado.  Un sitiazo, en resumo, para despedir as vacacións relaxadamente.

  O día seguinte tocou visitar Dubrovnik, cuxo nome orixinal é Ragusa. Chegados aquí compre dar un par de avisos. Ollo co aparcadoiro. O modelo español de turismo de masas e domingueiro sirveulles de exemplo aos croatas, polo que decidiron facer algo ó respecto. Para evitar masificacións no centro, o aparcadoiro está carísimo. 10€/hora a pé de muralla, a 700 metros a cousa baixa ata os 7€/hora. Tedeo en conta se ides en coche e optades por pasar alí o día. A mellor opción é aparcar nas aforas, preto do porto de pasaxeiros, e achegarse nun dos buses lanzadeira. Logo de pasar este pequeno filtro, que evita que os festivos a vila se encha de persoas que solo queren pasear, a cidade é unha fermosura. Sen embargo, se sacamos a enorme muralla que protexe o que no seu día foi unha illa, hoxe unida  artifialmente ó continente( como vos decía, a moda local, irse a vivir as illas e logo unilas a terra cando non quedan piratas vivos e tal…) non veredes nada que non teñades visto antes a todo o longo da costa croata. Por suposto a visita vale a pena, e se facedes a ruta croata ó reves, entrando polo sur, Dubrovnik (que por certo, significa carballeira)  vaivos a parecer unha pasada. Dende logo as rúas estreitas, a muralla, toda esa pedra blanca…. é unha preciosidade. Visitando a cidade nalgun caleixon, nalgunha tenda e nalgun restaurante hai fotos dos anos da guerra, onde se mostra como quedou a cidade de estragada logo do sitio á que foi sometida. Por certo, subir a muralla anda nos 25€.  Outra cuestión que debedes ter en conta é comer no centro. Non sae especialmente caro, e podedes comer un anaco de pizza e pimplar unha cervexa por  menos de 10€. Se optades por xantar de mesa e mantel, que non vos asusten os restaurantes con pinta máis fina, pois as diferenzas nos prezos son pequenas, e compensa apostar por un pouco máis de calidade.

  Visitada Dubrovnik, e coa tarde ameazando choiva, inda deu tempo a visitar o val e as montañas próximas a Molunat, subindo ata o agochado   castelo de Sokol, e descubrindo unha ruta de muiños moi ben coidada, cun restaurante local moi coñecido, que quedou anotado na axenda para un par de días máis tarde, e parando en  Gruda a disfrutar dos viño locais.

 

Día 10: Montenegro.

SONY DSC

 Estando tan preto  era unha pena non achegarse ata Montenegro, un país que non forma parte da Unión Europea, pero que ó contrario que Croacia, que sí está na Unión, ten como moeda o Euro. Este feito deulle un importante impulso, especialmente no sector turístico. En Montenegro sí hai grandes hoteis, resorts, praias artificiais…

  Pero a parte máis interesante non ten area. Á beira do mar, milenios atras había un volcán. Extinguiuse e así quedou ata que unha das súas ladeiras veuse abaixo deixando entrar a auga do mar e formando unha paisaxe totalmente espectacular, tanto que os montenegrinos presumen de ter un fiordo na súa costa. E non chega a tanto pero aproxímase. Esta maravilla xeográfica pode percorrerse en coche, e non ten moita perdida por que solo hai que entrar no país e seguir a liña do mar deixando atras a pequena e empinadisima vila de Herceg Novi, nunha zona que esta considerada como o punto de partida da civilización humana,  e evitando o ferry que cruza a metade de camiño a ría na súa parte máis estreita. O do ferry é importante, por que se tomades ese atallo perderedesvos ese espectaculo visual, pero tamén a bonitisima cidade de  Kotor, coa súa muralla, que ademais de rodear a vila pegada ó mar, sube por un monte escarpado ata un castelo aló no alto, antigo resgardo en caso de ataque e invasión da cidade; as súas estreitas rúas moi conservadas, o seu espiritu que se respira alí … Dan ganas de quedarse.  Por certo que a figura do gato ten unha importacia capital na cidade, tanto que ata teñen un museo do gato, pero ninguén sabe motivo de tal importancia, pois non hai nin feito historico nin acontecemento que xustifique esa admiración. Visto Kotor e como inda quedaban un par de horas de luz, deu tempo a ir ata Budva e Becici, nucleos duros do turismo montenegrino, con moitos famosos pasando por alí todos os veráns. Un exemplo da presión turística témola no illote de  san Esteban, que unha cadea hoteleira comprou  e transformou nun enorme resort.

Á volta, xa solo quedaba por díante día e medio, un tempo para o mar, a anguila afumada e o pato con amorodos, algo de viño e outro algo de cervexa, e descansar….

 

 

   Isto como notas, breves, moi breves, sobre esta viaxe. Toda a zona do Adriático ten moita historia enriba súa, “calquera cantidá” de monumentos, unhas paisaxes de impresión, moita vida natural …. e non se pode nin ver nunha sola viaxe, nin contar nun único artigo. Todo o que me deixo atras, teredes que descubrilo pola vosa conta. Vale a pena.

Deixovos de regalo varios apuntes xerais:

  • Para chegar alo: A mellor maneira de chegar a Croacia, se non se ten tempo para ir en coche, (se plantexades o tren estades falando doutro tipo de viaxe e non podo opinar, pero mirei poucas vías ferroviarias en Croacia, igual non compensa) é obviamente o avión. Croacia conta con varios aeroportos, pero viaxando dende Galicia non temos viaxe directo a ningún deles, así que se queredes aforrar no avión teredes que buscar opcións varias, dende Madrid, dende Barcelona, dende Oporto… Hai variedade, pero tede en conta que se a volta a facedes dende un aeroporto diferente á ida a viaxe sae máis cara.
  • Aluguer de coche: as compañias  teñen o mal costume de cobrar, entre outros, un plus se o coche queda nun punto diferente ó de recollida.  En croacia ese plus nalgunha compañia subelle case 200€  á conta. Tamen hai que incluir pluses por usar o ferry (Croacia ten moitas illas visitables), ou por dispor da carta verde (necesaria para cruzar fronteiras, algo inevitable se ides ir como neste caso dende Zagreb a Dubrovnik). Unha boa alternativa é optar por buscar nas compañias locais, neste caso contratando cunha compañia denominada “NOVA rental cars” o aforro con respecto as compañias máis coñecidas foi de case 200€ .  Un renault clio (que non foi un clio porque o chegar non había e cambiarono por un captur con 7.000 km), 12 días saiu en 475€, menos de 40€/día.
  • Hoteis: a formula para esta viaxe foi levar contratada a primeira noite de hotel, e logo ir collendo cada día en función do lugar onde parara o coche. Croacia forma parte de europa, polo que non hai roaming telefónico, así que tirar de plataformas como Booking ou Airbnb resulta moi comodo. Pero na maioria do país nin siquera é preciso, pois a oferta de aloxamentos supera ampliamente á demanda. O máis habitual en Croacia, tal como se conta acertadamente en moitos foros, é toparse ó longo da estrada carteis anunciando  “Sobes” (habitacións) ou apartamentos. Tirando de plataformas e collendo apartamentos completos, que están por certo regulados, de media cada noite saiu en 40€, en ningún caso por riba dos 50€ e nalgún  quedando nos 37€.  Outra alternativa a ter moi seriamente en conta se se visita a costa croata, é o camping. Hai un casi cada cen metros, e todos están a pé de mar.
  • Os cartos: Croacia ten moeda propia, a Kuna, cun cambio que se move o redor dos 7 kunas por 1€. Hai quen recomenda levar efectivo cambiado dende aquí, ou cambiar nas oficinas de cambio locais, moi abundantes. Eu recomendaría viaxar lixeiro de efectivo, e usar os caixeiros para retirar cando sexa preciso. Economicamente sairedes ganando ou perdendo en función das comisións que vos aplique o voso banco, pero resulta moito máis comodo. En todo caso, o peor sitio para cambiar moeda é o aeroporto.
  • xantar: Croacia goza dunha ampla variedade culinaria, con influencias tanto mediterraneas como  balcánicas. Os queixos, especialmente os das illas de brac ou Pag, o xamón de Dalmacia, de sabor moi suave; o aceite merece unha mención especial e os viños tamén son moi recomendables, sobre todo polo diferentes que son dos nosos. Especialidades mais propias son un embutido local, denominado Kulen; o cevapi, un prato formado por unha especie de salchicas moi especiadas acompañadas dun pan esponxadiño e cebola; a trufa branca propia de istria é un manxar, os estrudel e os burek, que son similares as napolitanas, con diferentes recheos, dende a carne ata a mazá, e por suposto os pescados e mariscos, tanto de mar como de rio, e nas carnes o cordeiro… Hai un mundo de cousas por probar. A denominación para os “churrascos” locais, restaurantes máis tradicionais, é “Konova”, e é recomendable buscalos nas aforas dos centros turisticos. En prezos non toparedes moita diferencia cos prezos de calquera restaurante galego de gama media, pero o viño ten maior carga impositiva, e iso pode encarecer un xantar moito. Como referencia: unha xerra de viño da casa custa 14€, unha botella de viño etiquetado custa a partir dos 20€. Unha xerra de medio litro de cervexa custa 3’5€. 
Esta entrada foi publicada en viaxes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s