Este ano vou ir ó xantar do tinto.
Será a primeira vez.
E vou pagar os meus 25€. Como calquera.
Xeralmente eu no sábado do tinto, dende sempre, comparto xantar coa miña xente, primeiro coa familia, e nos últimos vinte anos con familia e amigos, que familia son tamén. A verdade é que nunca me gustaron os xantares de caracter “oficial“, e menos coa carga política que tradicionalmente se lle viña dando a este tipo de comidas, como o do albariño, ou o do cocido de Lalín, por non falar do do tinto, que xa sabedes todos o que había.
Ben. Agora resulta que son tenente de alcalde, por moito que a mais de un e de unha lle fastidie, e formo parte do equipo que goberna Ribadumia, o cal leva parellas certas responabilidades. Insiro aquí que con independencia de cargos, este ano estamos tentando sacarlle toda a carga política á festa, incluído ó xantar, algo que eu considero moi positivo, e que se debe apoiar, e por iso vos convido a todos a participar nese xantar, con independencia das vosas ideas.
Neste punto veñen as novidades pola miña banda. Irei o xantar, si. Estou convidado como concelleiro electo. Eu e acompañante para o caso de ter ou querer levar a alguén. Fora disto, formo parte da Comisión Organizadora da festa, en concreto ocupeime, ademais de temas de cartelerías, tripticos, etc, e de botar unha man no que se me requerise igual que o resto de compañeiros e compañeiras que formamos esta comisión, e tal como explicou o alcalde na presentación do cartel, o peso de crear a web tintobarrantes.com, a app para android que vimos de publicar (ambos con ferramentas gratuitas ou cun custe mínimo), e o resto de perfís nas redes sociais cos que a festa busca darse relevancia na nube máxica esa que é internet, e onde agora coa axuda de persoal municipal estamos movendo intensamente. Polo que, en resumo, para o caso de non ser concelleiro tamén estaría convidado ó xantar pola banda da comisión.
Eu defendo que os membros das comisións de festas, desta e de outras que traballan moi duro por sacar adiante estes eventos, non cobren, pois traballan voluntariamente, pero que reciban o respecto dos veciños, e en casos como este se hai un xantar comunitario que se lles convide a ese momento de relax, pois o resto do tempo van andar a mil para que todos e todas poidan desfrutar da festa, e antes diso perderon horas de sono e de vida organizando todo. E a verdade é que ser algo agradecidos non custa nada.
Con todo isto, non deixo de ser Enrique Oubiña, e como tal xa sabedes que son moi terco coas miñas ideas. Entre esas ideas está a de que os políticos non debemos de gozar de prebendas tipo convites a papatorias e demais. Os políticos estamos ó servizo do pobo, non ó revés.
Entendo, con todo, que dende as institucións se debe manter certo sentido da cordialidade e do protocolo, e que se poida en determinado momento convidar ós representantes de certos estamentos, os alcaldes conlindantes por exemplo, ou os representantes de diferentes areas que fan funcionar a vida local . Pero tampouco moito mais.
Tamén entendo que vai na conciencia de cada un aceptar eses convites ou non.
Todo este relatorio ven ó conto de que inda que agradezo e comprendo que dende o concello se me enviasen dous convites para a comida (o de convidar ás parellas si que non o comparto, por certo, pero debo respectalo), rexeiteinos e xa avisei de que eu, ademais de non levar (salvo sorpresa) acompañante, vou pagar os meus convites, como un veciño mais. Pois inda que nos actos mais formais teña que representar ó equipo de goberno e a Somos Ribadumia, no xantar quero ser un mais, a todos os efectos.
En todo caso, non pretendo con isto ser exemplo de nada; actúo así por un criterio propio que ninguén ten a obriga de compartir.
Agardo, por suposto, encontrarvos a todos e todas na festa, nesta maravillosa festa que forma parte de min tanto como un brazo ou o meu propio corazon, poder compartir un viño con vos, e se vos animades a participar nun xantar que é voso de pleno dereito, ter algo de conversa ó redor do pulpo, que para a vosa información e a miña zozobra, non podo comer.
Pingback: Enrique Oubiña anuncia eu pagará o seu convite ó xantar a pesar de estar exento. | Somos Ribadumia