A foto que encabeza este artigo foi feita o pasado xoves, as 20:30 da tarde, un anaco antes de que eu e o resto de portavoces dos grupos políticos locais asináramos a entrega das actas das Xuntas de Goberno.
A foto quizais vos mova á risa, pois saio algo sobrecargado co peso dos 2000 folios que ocupan todas estas actas, pero a verdade é que o tema non ten nada de gracioso.
As Xuntas de Goberno están formadas por varios membros do equipo de goberno, no noso caso cinco, convocanse normalmente cada dúas semanas, e nelas decidense diferentes cuestións que non requiren de aprobación en pleno, como a aprobación (ou non) de licencias de construcción, o pago de facturas, etc.
A secretaria municipal, que non é un cargo político, é a encargada de levantar acta desas Xuntas, e logo de facerllas chegar os representantes do goberno e da oposición. Pasar a limpo esas actas é un traballo moi laborioso, pola súa complexidade, e normalmente a secretaria fai ese traballo nos ocos que vai encontrando entre a enorme carga de traballo que ten diariamente.
Salomé, ante a súa incapacidade para facer traballo político, tomouna coa entrega desas actas case dende o primeiro día que estivemos no goberno. Sen embargo esqueceu que ela mesma bloqueou a entrega das actas durante dous anos e medio, e anteriormente a iso se tiñamos sorte ianolas entregando unha vez ó ano. Pero o peor non é iso. O peor é que utilice o persoal municipal como arma arroxadiza contra o equipo de goberno do que formo parte. En política non vale todo, por moito que o PP se empeñe en que si, e a min persoalmente ofendeme esta actitude, e asi llo expuxen a señora Peña no pasado pleno, como podedes ver no video que recolleu dende a bancada o meu amigo e compañeiro Fernando Ruiz, e que acompaña este artigo…
Por todo isto, onte enviei os medios a seguinte carta aberta á atención da señora Peña….
Señora Peña, comezou vostede en Xullo do 2015 una campaña de desprestixio contra o goberno municipal, esixindo de todos os xeitos que se lle ocorreu que se lle entregaran as actas das xuntas de goberno. Na súa paranoia conspiranoica chegou a acudir a valedora do pobo e a acusarnos de ocultar non se sabe que estrañas decisións.
Vostede é perfectamente coñecedora do funcionamento interno do concello, da sobrecarga de traballo que sofren as traballadoras municipais e de cómo se realizan esas actas que insistentemente esixe, aproveitando ocos cando o traballo diario o permite. A pesares disto, non tivo problemas en por en dubida varias veces o traballo da secretaria municipal, responsable de redactar as actas, e do resto de compañeiras, que son as que fan coa súa profesionalidade que o concello funcione, con políticos presentes ou, como nas lexislaturas anteriores, ausentes.

rexistro da entrega de actas. Notese que se entregaron as actas do 2013, 2014 e 2015… por algún motivo Salomé solo reclamaba unha parte, a correspondente ós seis meses do noso mandato. As que tiña que haber entregado ela non lle interesaban.
E se vostede, señora Peña, tivera no seu mandato actuado doutro xeito, quizais se podería entender esta cansiña obsesión súa. Pero non foi así. O pasado xoves asinamos en Xunta de portavoces a entrega desas actas … ¿Das actas elaboradas dende que chegamos nos o goberno? Non, asinamos a entrega de todas actas que faltaban, que se remontan a Xaneiro de 2013, corenta e unha actas que non se redactaron no seu día por orde expresa súa, señora Peña. Logo no pleno municipal, demostramos que vostede ata finais do 2012 entregou as actas de ano en ano, e eu persoalmente recrimineille a súa actitude, e pedinlle algo que agora reitero aquí: teña dignidade, señora Peña, teña vergoña, e así como andivo rauda para presentar escritos en canto sitio encontrou por este asunto, ande rauda agora e presente un escrito pedindo desculpas as traballadoras municipais, en especial a secretaria do Concello, cuxo traballo puxo vostede en dubida reiteradamente movida pola súa avaricia política.
E unha última cousa, señora Peña, un vello refrán sostén que “cre ladrón que todos son da súa condición”.Durante dous anos e medio negoume vostede as actas do seu goberno, agora terei que ler esos mais de seiscentos folios redactados por ambas caras, non vai a ser que sexa vostede a que oculta algo.
Enrique Oubiña, Tenente de Alcalde e Concelleiro de Obras Servizos e Urbanismo, Servizos Sociais, 3ª Idade e Sanidade no Concello de Ribadumia.
Ribadumia, 7 de maio de 2016.