Recortar a democracia legalmente.

Estes últimos meses foron e seguen a ser  moi intensos e de moito traballo, como comprenderedes. En todo este tempo este meu pequeno blog quedou apartado por falta de tempo, pero teño intención de ir recuperando ese tempo e compartir dende aquí as miñas impresións e pequenas cousas con vos, sempre dende unha perspectiva estrictamente persoal. 

E para comezar, casi reengancho co mes de maio cando parei de publicar aqui, porque este venres imos ter un pleno extraordinario no que se volverá a tratar a conformación do goberno, algo que xa se fixera en xuño, gracias a unha solicitude do PP, que non debe ter outra cousa que facer que marearnos ós demais e tirar cos cartos dos veciños incluso dende a oposición… Así que unha vez mais, imos alo.

IMG_9617

Por se ó PP non lle chegaba con reventar os plenos, agora pretende recortar a representación de Somos Ribadumia e Psoe.

Este venres teremos que celebrar no concello un pleno extraordinario a petición do Partido Popular.  O motivo dese pleno non é dar explicacións de como puido durante catro anos estar o tanatorio municipal nunha situación totalmente ilegal sen que ninguén fixera nada; tampouco é para explicar algunha outra das situacións irregulares que nos encontramos no concello ó chegar. O único e ridículo motivo para o que o PP solicitou o pleno é para tratar o “tema do grupo mixto”. É importante remarcar que a creación ou non creación do grupo mixto é mais unha cuestión partidista  que outra cousa, e que non afecta en absoluto a vida municipal nin dos nosos veciños, polo que solicitar un pleno extraordinario para este tema, ademais dun gasto inútil de cartos, é algo absurdo, feito por puro interes propagandístico, pois podería perfectamente tratarse este punto nun pleno ordinario, que era como o tiñamos previsto .

Pero en fin… vaiamos por partes.

O primeiro que hai que explicar é do que se fala cando se di “grupo mixto”.  Cando logo dunhas eleccións un grupo político saca representación, algunhas lexislacións establecen que se esa representación non acada uns mínimos ese grupo debe pasar a formar o denominado grupo mixto, e xuntarse, se ese fora o caso, con outros grupos que tampouco chegaran a eses mínimos formando así un único grupo. No parlamento español, por exemplo,  o número mínimo para ter grupo propio e de 5 deputados, por debaixo desa cifra hai que integrarse no grupo mixto que por certo, non diferencia ideoloxías, ou sexa, nese saco entran todas as formacións sexa da cor que sexan. No caso dos concellos, é mais complexo porque hai varias normas e posibilidades. En xeral, se hai Regulamento Orgánico Municipal, este é o que regula a creación ou non do grupo mixto, como no caso por exemplo de Vilagarcía de Arousa. Se non hai Regulamento Orgánico Municipal, a cuestión volvese mais interpretable, porque a normativa estatal non é nada clara,  polo que a creación do grupo mixto non é obrigatoria. A autonómica non obriga tampouco a formar grupo mixto, pero  di que para formar grupo político hai que ter un mínimo de dous concelleiros, que é no que se basea o PP para pedir que se cree o grupo mixto en Ribadumia.

Na práctica, o grupo mixto funciona como un único grupo, polo que debe repartirse as competencias, representacións, tempos, asignacións económicas, etc; e polo tanto,a existencia deste grupo supón un recorte democrático importante, porque considera os grupos pequenos como  grupos de segunda, e os seus votantes, votantes de segunda. E ademais pode ser que obrigue a traballar xuntas a forzas políticas de ideoloxías moi diferentes, que terían nese caso que consensuar posicións e propostas, quedando moi reducida a defensa dos seus idearios.

Neste concello, no seu día, antes da conformación dos órganos de goberno,  fixéronse as consultas pertinentes, e repasouse a actuación do Partido Popular nas lexislaturas anteriores. As consultas realizadas a varias consultoras legais, interpretaron que non era preciso crear o grupo mixto.  ¿E que fixo o PP en anos anteriores?  Valorámolo coa norma autonómica que o PP pide agora que se aplique na man:

  • a lexislatura 2007/11 o PP tería que ter creado grupo mixto e integrar nel o único concelleiro do BNG, que non podería aparecer representado nomeadamente como tal, se non como “grupo mixto”. O PP non fixo isto.
  • Na lexislatura 2011/2015, no momento que eu deixei o BNG, barallouse tamén a posibilidade de ter conformado o grupo mixto, atendendo unha vez mais a unha interpretación da lei que non esclarece correctamente como actuar, pois por unha banda un grupo ten que ter un mínimo de dous membros para conformarse, pero por outra non pode cambiárselle a denominación unha vez creado. Pero no caso de facerse (po PP tiña maioría e potestade para facelo), teriamos que integrarnos no grupo mixto  o concelleiro do BNG e eu mesmo como “concelleiro non adscrito” (que non transfuga, porque para ser considerado transfuga tería que terme integrado noutro partido con representación, algo que non aconteceu). Hubo reunións do PP co BNG e conmigo mesmo para buscar a mellor solución, e o final o PP tampouco o fixo así. O que si fixo o PP  na lexislatura 2011/15 foi adaptar as comisións para que os seus concelleiros cobraran todos o mesmo.

Con toda esta información  o equipo de goberno actual tomou a decisión de non crear grupo mixto, pois consideramos mais importante manter a representación de todos os partidos e tamén unha organización de comisións informativas o mais adecuado posible ó funcionamento do concello.

En todo caso,  nas lexislaturas anteriores ningún partido tentou coartar a representación municipal dos demais como o está  facendo o PP agora mesmo.

E neste punto estamos agora. O PP apela a unha suposta cuestión legal. Esa cuestión é moi interpretable, pero dende o equipo de goberno solicitamos, vista a súa insistencia,  ademais dos informes que xa tiñamos, a opinión da  Deputación e do goberno central, que interpretan que se debe crear o grupo mixto, e venres falaremos o tema no pleno que eles solicitaron. Para que digan que non facemos caso das súas demandas.

¿ Cal é a cuestión? Que se se crea o grupo mixto, o que se esta facendo e coartando a democracia e representación dos veciños no concello. Isto a un partido de procedencia franquista como o PP non lle importará, pero a min persoalmente paréceme moi importante, porque eu creo que todos os partidos con representación deben formar parte de todos os órganos políticos do concello, salvo os que lle corresponden a quen ten a responsabilidade de gobernar, como é obvio. E non é solo unha opinión miña, se non dos tres partidos que forman equipo de goberno actualmente. De feito este equipo de goberno creou no seu día a “xunta de portavoces”, precisamente para aumentar a democracia e a presencia dos partidos na vida orgánica do concello.

images (1)

O que o PP busca co cambio organizativo é un beneficio económico para os seus cconcelleiros

Isto todo levanos a cuestión da representación nas comisións informativas. A ninguén lle colle na cabeza que un partido con representación no concello non forme parte dunha comisión informativa previa á pleno, cousa que acontecería actualmente coa creación do grupo mixto, se non se cambiara nada mais. E iso tamén o sabe o PP. ¿Qué busca o PP con toda esta pamplina?  A parte de gastar tempo con menudencias para evitar dar explicacións pola situación que deixou no concello, sumado a unha total falta de iniciativa e de propostas, o PP o que quere e forzarnos a mudar a representación nas comisións informativas, para así pasar de 7 concelleiros a 13, coa diferencia económica que isto suporía e que tería que asumir o concello. ¿Cal é o motivo?, que todos os seus concelleiros cobren a mesma cantidade de cartos. E idesme perdoar, pero o termo habitual para esta clase de persoas e “peseteros”.

O venres veremos que acontece, pero en resumo a situación é tal como  vola expliquei.

Un último apunte. Os grupos políticos perciben deste concello  cada mes 30€ por representación e 30€ por cada concelleiro. Ou sexa:

O PP cobra 30€ x grupo+ 180€x concelleiros. IR recibe 30€+ 150€, SR 30€+30€ e Psoe 30€+30€. De crearse o grupo mixto, sumando SR+Psoe, este grupo pasaría a percibir 30€x grupo +60€ x dous concelleiros. Aforrarianse 360€ ó ano. O pleno onde se pretende decidir iso custa 990€  contando solo o que cobran os concelleiros (o alcalde e eu ó estar liberados non cobramos). Vai sair igual de caro o aforro para toda a lexislatura que o que vai custar o pleno venres. Ou sexa. Imos celebrar un pleno para conseguir un aforro de  0€.

 

 

Esta entrada foi publicada en Cousas de Ribadumia. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s