Onte aconteceu algo histórico en Ribadumia. O PP perdeu esa maioría absoluta que tanto tempo levaban ostentando, e que moita xente dicía que era inamovible. Non será nin agora nin aquí onde eu opine sobre os resultados electorais. Esas valoracións hai que facelas con tempo e calma. Pero aprendamos estas dúas leccións: que nada dura para sempre, e que en política todo é posible.
Agora e dende aquí o único que quero é mostrar o meu agradecemento, primeiro e antes que nada, a todos e a todas as que onte puxechedes a nosa papeleta na urna, confiando nun proxecto que eu creo que ten moito futuro.
Pero se onte houbo unha papeleta co noso nome nos colexios electorais foi gracias a un gran esforzo, e non solo meu. Nin moito menos. Por iso quero tamén expresar o meu agradecemento mais profundo e sincero a todas as persoas que fixeron posible que Somos Ribadumia saíra adiante. Foi un proceso moi rápido, e se conseguimos un moi bo resultado foi porque moitas persoas dedicaron moitas, moitas, moitas horas do seu tempo a traballar para que esta idea collese forma, sacando adiante todo isto con ilusión e ganas, e enfrontándose as dificultades de facer algo novo, e tamén rompendo moitos paus postos nas rodas. Todas esas persoas, as que foron as xuntanzas, as que formaron a lista e as que sen formar parte dela nos axudaron con todo o que fixemos e nos apoiaron dende multitude de ámbitos, demostraron que é posible facer as cousas doutro xeito, e que o que a xente quere hoxe en día, ou, quizais sen sabelo, dende sempre, non son siglas, se non solucións.
A día de hoxe en Somos Ribadumia estamos igual que onte, cun proxecto que ten futuro, ben asentado nuns principios claros: a transparencia, a horizontalidade no traballo, e o compromiso coas persoas por riba de calquera outra cousa. A única diferenza con onte é que agora imos ter representación municipal, e imos poder expor as nosas propostas onde corresponde.
E por hoxe nada mais. O sol esta maña saliu polo mesmo lugar de sempre, mais a min paréceme que quenta doutra maneira. Os tempos son chegados, di o noso himno. Que razón leva.