Os que vivimos en Ribadumia sabemos de sobra como funcionan unhas cantas cousas no noso concello. Sabemos que dende fai anos hai un ente, a deputación de Pontevedra, que se ocupa de facer que sexa posible, pagando nos por suposto, ter una serie de infraestruturas que non se corresponden co tamaño e numero de habitantes do noso concello, algunhas das cales ademais son totalmente innecesarias, cando non absurdas.
Temos por outra banda unha situación de favoritismo laboral, que provoca que un determinado número de persoas teñan traballos, a maioría deles temporais e mal pagados, relacionados coa mesma deputación de Pontevedra. E tampouco é ningún segredo que todo ese movemento obedece unicamente ás expectativas electorais do PP. E moito menos o é o feito de que moitas das persoas agarradas nesa tea de araña viven nunha situación complexa, sometidos a vontade de quen lles vende algo que non lle custa nada como se fose un gran favor que debe ser pagado.
O que temos en Ribadumia, en resumo, é un sistema caciquíl dos de toda a vida, adornado cunha serie de edificios, rotondas e prazas que nin solucionan problemas nin dan traballo, pero dan a imaxe, totalmente irreal, de que vivimos nun concello rico e sen problemas. E transmite mais ideas falsas, como a de que hai que persoas facendo isto por axudar os demais, cando é evidente que os intereses son moi, moi persoais. A fin de contas, empresas como Áridos de Curro ou Construcciones Abal, son ben próximas a quen preside a deputación.
A situación érache así ata onte, e ata onte todas esas frases tan gastadas do tipo “mentres estea ese aí non hai que facer”, “mentres non marche isto non se move” que moitos usaban como escusa para non complicarse moito en certos debates tiñan o seu peso. Pero hoxe, a cousa está cambiando, e rapidamente. O señor presidente, como lle chama algún ilustrado, parece que preparou ben a súa saída da deputación, pola porta de atrás vía federación galega de fútbol, ademais co apoio duns cantos interesados e dunha morea de pobres perdidos que pensan que van chegar moi lonxe arrimando a unha arbore que comeza a estar a tiro de raio. Os motivos poden ser moitos: que o seu partido lle dixera que “ata aquí chegamos, hai que renovar proxecto”, o feito de que seguramente a deputación desta volta non vaia para o PP (recordemos que no 2011 gañou polos pelos), ou eses temas legais que comezan a aparecerlle e que poderían darlle mais dunha dor de cabeza. O asunto é que todo apunta a un cambio na deputación, cunha saída do actual presidente a fume de carozo.
¿E que pasa con Ribadumia?¿que pasa con toda esa xente que ten traballos temporais?¿quen vai axudar a manter tanta infraestrutura?.
Ese é o problema que antes ou despois iamos ter que enfrontar, e que xa chegou. Porque as cousas son como son. En canto Louzán saia da deputación o que veña, mesmo sendo do PP, vaise esquecer por completo de Ribadumia, e onde antes se colocaban a traballar veciños nosos agora colocaranse veciños doutras zonas da provincia. ¿O resultado? Moito mais paro en Ribadumia. Moita mais xente abandoada a súa sorte.
Ademais quen se faga coa deputación terá tamén concello e amigos os que engordar, polo que Ribadumia vai pasar do todo á nada en menos de 24 horas. E seremos os veciños e veciñas de Ribadumia quen teñamos que facernos cargo directamente dos gastos de tanto campo de fútbol, tanto auditorio, piscina, casa de cultura… e con iso ás costas, vai ser difícil manter políticas sociais
Vos podedes pensar que isto non vai acontecer, que o señor presidente non seria capaz de deixar así tirado a todo un concello, dende logo non agardedes que Louzan diga antes das eleccións que marcha, ou que non se vai presentar a presidente, incluso podería tentar agarrarse ó cargo á desesperada un pouco tempo mais, algo moi típico do PP. Pero resulta que non estamos falando dun presidente dun goberno dictatorial, se non solo dun presidente provincial, un peón mais na estrutura dun partido moi grande e moi cheo de xente con gana de chupar a súa parte, un presidente provincial que ademais xa antes deu mostras de ser moi capaz de traizoar ós seus sen vergoña ningunha. E se non preguntádelle a Nene, que inda vive. Tamén podedes pensar que os que están van saber saír da situación. Para solventar esas dúbidas chegaríavos con ir a un par de plenos e ver as xoias que temos por concelleiros. Advírtovos que podedes sentir moita vergoña allea. O equipo de goberno que temos actualmente en Ribadumia esta cravado no sistema de ordeo-e-mando imposto dende a deputación, sen capacidade nin posibilidade de reacción, e sen unha mínima idea de como sacar un concello adiante. En canto falte o padriño, ou sexa, a partires de Maio, isto derrubase. E as consecuencias imos pagalas todos e todas.
Temos un concello de cinco mil e poucos habitantes, pero estamos perdendo poboación. Baixar dos cinco mil censados vainos traer unha merma enorme nos ingresos do estado.
O seguinte vai ser un concello que se vai endebedar e unha suba de impostos descomunal. .
Temos un concello con mais de 500 parados. A partires de Maio ou Xuño, en canto vaian rematando os contratos da deputación, e non se renoven, o paro vai subir un 10% Ou incluso mais, que sumado a xente que está marchando, nos vai poñer nunha situación limite.
Por iso este é o momento de darlle unha volta a todo isto. Antes de que sexa moi tarde. Mellor previr que lamentar. Sempre.
Vos e mais eu sabemos que moitas persoas non poden expresarse publicamente. Vos e mais eu sabemos que hai un mal costume pola banda do PP de andar a chamar á algunha xente para ameazala, para meterlle medo no seu posto de traballo … filloputadas destas que tanto lles gustan ós mesmos que despois vos convidan a un café ou a un viño no bar con toda a chulería, como se o mundo fora deles.
Pero tamén é certo que somos moitos os que aínda somos libres de opinar e falar. E somos moitos os que podemos darlle a volta a todo isto.
Eu creo nas persoas. Penso que nada está perdido se se fan as cousas como as hai que facer. E o que hai que facer en Ribadumia e acabar coa posición cómoda do observador e pasar a acción. Non é preciso facer nada físico, nin fai falta usar ningún tipo de violencia. Chega con posicionarse claramente, e dar a ver que somos moitos os que empurramos do cambio.
Eu xa din varios pasos o longo destes últimos anos, seguindo a miña maneira de pensar na busca doutra maneira de facer as cousas. O seguinte vai ser o domingo, as 19:00 no centro cultural de Barrantes. Alí xuntarémonos, non para un mitin, nada diso, se non para poñer en claro cal é a nosa situación en Ribadumia, e avanzar na busqueda do cambio que é preciso para devolverlle a dignidade á xente, ganar o noso futuro e darlle ós que veñen por detrás as oportunidades que se merecen. Agardo vervos alí.