Escoitando estes días os “vou – non vou” de Salome Peña sobre optar a alcaldía de Ribadumia, e recentemente as declaracións do presidente do PP local de Ribadumia, o Sr. Martín Serantes, nas que practicamente lle “suplicaba” que repetise como candidata, ignorando as declaracións previas da propia alcaldesa, onde deixaba caer que non desexaba volverse presentar, veume a cabeza aquela canción de Radio Futura que de decía “Hace falta valor .. ven a la escuela de calor”.
Valor parece que é o que lle falta algúns do PP de Ribadumia para encabezar a lista e todo parece indicar que prefiren que outra poña a cara e eles “colarse pola porta de atras….”.

Este é o señor Martín Serantes (foto sacada de internet), presidente local do PP, e concelleiro dese partido. Tamén é o xenio que propón que os veciños de Ribadumia paguemos nómina a outro concelleiro ademais da que xa lle pagamos á alcaldesa, coa escusa de que esta non da feito o traballo para o que se supón que se presentou como candidata. Que digo eu:” se non pode facer o seu traballo, ¿para que se presentou?”
Porque se obviar os desexos de quen durante os últimos anos cumpriu cos mandados dun partido cada día mais afundido na vergoña lle parecía pouco, o señor Serantes nese artigo atrevíase a insinuar que se o motivo polo cal Salomé Peña non quería repetir era o esgotamento de ter que levar o concello, era plausible liberar un concelleiro para que lle votase unha man.
Eu persoalmente non teño nada en contra, a priori, de que nun concello, cando sexa necesario, se liberen concelleiros para que poidan desempeñar o seu traballo correctamente. Por suposto, falamos de traballar ó servicio dos veciños, non dun partido político, poñamos tipo PP. Agora mesmo non é o caso de Ribadumia por varios motivos, pero resumindo porque non temos unha concellería tan sobrecargada de traballo como para necesitar un concelleiro a tempo completo, nin tampouco a tempo parcial.
De todos xeitos chama a atención o descoñecemento do presidente local do PP sobre o funcionamento do noso concello. Alguén debería recordarlle que ademais do persoal propio do concello, a deputación págalle á alcaldesa unha secretaria persoal, que xa lle alivia moito traballo….
O que pasa é que as declaracións do señor Serantes en realidade veñen a dicir que, ante a incapacidade de poñer na cabeza da lista a unha persoa algo mais capaz, ou cando menos ben vista no concello, a idea é poñer de cabeza de cartel a señora Peña, e logo no suposto caso de que o PP gañase, sustituila ó longo da lexislatura por outra persoa, que previamente sería liberada, ou sexa que cobraría nómina á conta nosa, e dedicaríase a promocionarse ata ser nomeado alcalde sen pasar polas urnas como sería normal para conseguir ese cargo. A mesma táctica seguida polo PP en Cambados, por exemplo.
Que un partido no canto de mostrarse agradecido cunha persoa que logo de tanto tempo de dedicación ó partido medite deixar paso, lle meta presión publicamente para que continúe, a min de primeiras xa me parece unha falta de respecto e de compañeirismo, e dende logo eu no sitio da señora alcaldesa revisaría o meu concepto de amizade e de fidelidade. Pero que ademais se pretenda rebentar a democracia meténdonos un alcalde, nun suposto caso de vitoria popular que inda esta por ver, pola porta traseira e a costas dos veciños, paréceme ademais insultante para os que vivimos en Ribadumia e nos dicimos demócratas.
Un grupo político honesto e aquel que de presentarse as eleccións vai cunha lista de persoas, co candidato a cabeza, comprometidas co concello e dispostas a defender o seu proxecto durante esa lexislatura, e non aquel que presenta unha cabeza de palla que logo sacar do medio.
Os que non se atreven a dar a cara diante dos veciños é que ou lles falta valor, ou algo malo ocultan para querer entrar pola porta traseira, ou os dous motivos… Non podemos evitar que o intenten, pero na man de todos nos está evitar que nos goberne este tipo de persoas. Algúns vamos a traballar para que eso non ocurra.