Estes días estase a falar moito da abdicación do Juanca e da coroación do seu fillo. Eu a verdade é que non teño nada en contra do “Rey de España” nin dos Borbóns, o Juanca ata me cae ben, pero considero á coroa española como unha entidade que non ten ningunha utilidade para a cidadanía a día de hoxe. Xa temos un xefe do goberno escollido pola cidadanía , agora mesmo Rajoy (triste pero certo) , e xa temos un ministro de exteriores ó que mandar polo mundo adiante a vender a “marca España”, e unha recua de ministros, viceministros, secretarios e lambes varios mais ós que mandar polas vilas de España a facer propaganda de estado e participar nas comedelas. Xa por non falar do que custa manter a familia real, mentres a cidadanía as pasa canutas.
Isto lévame a pensar no debate que se abriu no estado sobre monarquía&república. É curioso como os medios de prensa tratan o tema, en xeral defendendo e enaltecendo á monarquía, esquecendo que o rei actual foinos imposto por Francisco Franco, durante a ditadura. Vendo a televisión un case podería pensar que a coroación de Juan Carlos I se realizou durante a transición , cando a realidade é que non solo non foi así, se non que os diferentes partidos, comunistas e republicanos incluídos, non foron capaces de sacar á monarquía da baralla da democracia durante esa mal chamada transición.
Dende o meu punto de vista, a abdicación do Juanca xusto neste momento, logo de que o bipartidismo pp/psoe sufrira un descalabro electoral, iniciando a senda dun cambio democrático xa irrefreable, e de que as aspiracións soberanistas dos cataláns case chegaran a un punto sen retorno abríndolle quizais a porta a lograr o dereito a autodeterminación as outras nacións sen estado , Euskadi e Galicia, unido ós escándalos de corrupción no salón da súa casa (estes xenros …), e todo en vésperas dun mundial de fútbol, coa “Roja”, facendo apoloxía do “yo soy español” a todas horas , obedece a unha moi calculada estratexia política, consistente en machucarnos coa idea unionista de España (aquilo de una, grande y (digamos que)libre) e do valor da realeza, co obxectivo de debilitar o movemento catalán e as consecuencias da debacle electoral , e de facernos apartar a ollada dos problemas legais desa realeza e dun país que esta rachando por todos os costados, cunha cidadanía que esta ao borde do colapso, sufrindo unha crise (estafa mais ben) e uns recortes de dereitos brutais, e que xa non aguanta os desmáns dos políticos que podería aguantar noutro tempo.
Pero na rúa a resposta está sendo outra. Lonxe de levantarse un clamor a favor da realeza, o que se está levantando e un berro inmenso en prol do cambio no sistema democrático deste país, nomeadamente a abolición da realeza e implantación da III República. E ese berro non pode ser ignorado, por moito que o PP teña maioría absoluta, ou por moito que Rubalcaba e a cúpula do PSOE se pase as peticións da súa base militante (baróns incluídos) polos forros, e por moito que algúns medios de prensa estean a outra cousa.
Pero isto vai mais aló dun sinxelo cambio baseado en quitarlle a familia real o seu carácter de real. Isto vai mais aló de permitir que os cidadáns escollan quen son os seus representantes ante o resto do mundo. O que a xente esta pedindo e un cambio completo no sistema. Un cambio na democracia deste país, que por fin asuma as diferenzas territoriais e culturais, e evolucione cara o que debe ser, deixando que as nacións sen estado decidan como queren afrontar o seu futuro, pero sobre todo, permitindo que a cidadanía teña nas súas mans a través dun sistema democrático xusto e co uso da formula dos referendos vinculantes ante decisións importantes, o poder para decidir o futuro do seu país. .
Por iso nas plazas galegas ( a imaxe das catalanas e vascas) se ven estes días manifestacións en prol da República Galega, que por certo xa fora proclamada o 27 de Xuño do 1931, nun episodio histórico que debería ser explicado nos colexios. Hai quen pensa que agora é mais importante loitar pola III República Española e logo atender os nacionalismos, pero e que este é o momento de acometer por fin a reparación, dunha sola vez, de todo o que se fixo mal na transición, incluidos o tratamento as nacións que conforman esta España tan plural, e tan alonxada da “unha, grande e libre” .
Pero sobre todo é o momento de entender por fin que exercer o dereito a decidir o futuro de España e de Galicia a través de referendos ou consultas a cidadanía non implica en si mesmo cambiar nada, e que de decidirse cambio algún, será por vontade do pobo, e polo tanto non pode ser negativo.