Esta semana van a pleno os orzamentos para este ano. E un tema da máxima importancia para todos os que vivimos en Ribadumia, pois decídese como se van gastar os nosos cartos. Isto de momento resúmese, según o documento presentado polo PP e salvo novidades de última hora, que este ano o concello vaise dedicar a pagar facturas … pero inversións as xustas e preocuparse polos parados e os que peor o están pasando, pois nada nun caso e o xusto para saír na prensa guapos no outro.
Onte luns celebráronse as comisións para tratar este tema e outros. Déixovos a nota de prensa que mandamos os medios onde brevemente deixamos claro cal foi a nosa postura nas comisións. Logo do pleno do xoves (que será as 20:00 horas) falareivos mais polo miúdo do que ocorra e do que se aprobe.
Enrique Oubiña propón que nos orzamentos deste ano se destinen partidas para a creación de emprego e a reactivación da economía.
Logo de estudar a proposta de orzamentos que o PP de Ribadumia presentou para este ano 2013, comprobouse como os investimentos se reducen en 30.000€, limitándose estes a simples asfaltados e colocación de beiraruas e farolas ó máis puro estilo anos 80, mentres que os gastos correntes un ano máis voltan a subir de 1.078.000€ a 1.251.245€ (173.000 € nada menos), que moitas partidas orzamentarias son máis que discutibles, e constatouse un ano máis a total ausencia de partidas orientadas para a loita contra o paro, que no concello xa chega a cifras próximas o 25% da poboación activa.
Diante de tan desolador panorama orzamentario, e vista unha vez máis a incapacidade do PP local para tomar calquera iniciativa que non conteña asfalto, ladrillos ou farolas, o grupo que Enrique Oubiña representa, acordou que en lugar de facer unha oposición negativa como a que fan outros partidos, que se limitan a opoñerse a todo sen aportar solucións, actuar con coherencia e buscar, con propostas en positivo e ademais asumibles para o concello, chegar a acordos co PP de Ribadumia e cos outros partidos da oposición e posibilitar uns orzamentos que vaian máis aló do simple pago de facturas, como é o caso dos orzamentos deste ano.
Nesta liña de actuación na comisión informativa celebrada este pasado luns, Enrique Oubiña puxo enriba da mesa varias propostas orientadas en especial a loita contra o paro. Ditas propostas en palabras de Enrique Oubiña “foron recibidas con certo escepticismo por parte do PP, dando a entender así, ademais da súa incapacidade para o goberno, que non lle preocupan en absoluto nin os parados nin as persoas que están en situación delicada. Pero a pelota quedou no seu tellado, e eu agardo que de aquí o pleno municipal cando menos os membros do Partido Popular, que é o que ten o goberno, reconsideren a súa postura, e ben apoien as miñas propostas ou se non lles gustan ou os intereses partidistas lles impiden o voto favorable, aporten as súas propias pero que poidamos avanzar neste sentido, pois a situación de moitos dos nosos veciños e o suficientemente grave como para que se tomen medidas practicas e ademais con urxencia.”