Viaxes: pola ribeira do Dordoña en autocaravana

  Este ano (por fin!!)  puiden realizar  unha viaxe en autocaravana, aproveitando uns pouquiños días que me conseguín coller a finais de agosto. Anque a viaxe incluiu pasar por moitos lugares, como Cantabria, Euskadi, Burdeos, norte de Burgos ou Asturias, vou centrar este artigo na parte de  tres días pasados  na Dordoña, antigamente provincia  do Perigord, unha zona de Francia pouco saturada de turistas, pero moi rica en historia, gastronomía, paisaxes… Vou  repasando a viaxe día a día, e cara ó final do artigo incluo uns apuntes sobre a organización da viaxe, custes, etc…

mapa viaxe dordoña

Dia 1: de  Saint-Émilion a beynac-et-cazenac.

   A provincia da Dordoña toma o seu nome do río que a percorre a través dunha paisaxe kárstica que deixa estampas espectaculares, con castelos e vilas medievais de conto.

  A primeira parada, logo de facer noite en Burdeos, foi Saint-Émilión, unha vila nada a partir dunha comunidade relixiosa, rodeada de viñedos e cargada de historia. Esta vila, cuxo desenvolvemento se debeu, non ó viño, se non a extracción de pedra para a construción, motivo polo cal toda a zona é unha sucesión de covas, boas  para o viño e para os champiñóns, conta entre as súas rúas estreitas con varias peculiaridades, como a igrexa monolítica excavada na pedra no seculo XII ou o claustro dos cordeliers (franciscanos) que foi claustro e mercado á vez, e a través de cuxa capilla se accede á bodega, excavada vinte metros mais abaixo e onde se elaboran viños “cremant”, ou sexa, espumosos.

SONY DSC

   Logo de percorrer as rúas de Saint- Emilión, fotografiar torres, lavadoiros e rúas, tomar un cafe admirando as vistas da vila e un  viño nun ambiente máis monacal, tocou seguir camiño seguindo o curso ascendente do Dordoña. Despois de comer nunha pequena zona de esparcemento habilitada para autocaravanas nunha vila sen nome, encontramos Bergerac, a cidade de Cyrano. E despois de pasear polas súas pequenas rúas e admirar a estatua do home co nariz máis famoso de Francia-  anque a súa importancia real ven dada porque, ainda que morreu con so 36 anos, é un dos mais importantes escritores de Francia no seculo XVII- , seguimos ruta río arriba, ata chegar a Beynac-et-cazenac.

SONY DSC

   A Beynac-et-cazenac chegamos xa coa caída da tarde, e acompañados dun chaparrón que lustrou as pedras desa vila, da que solo se pode decir que é unha preciosidade, anclada na parede ó abrigo do castelo e moi ben conservada. Tanto o seu castelo como os outros catro que o acompañan na zona  denominada Perigord Negro, son parte relevante da historia francesa, pois ademais de que o ancho río no pasado foi unha importante vía comercial, serviu tamen de fronteira entre Francia e Inglaterra durante a Guerra dos Cen Anos. Cear debaixo dunha parra nun lugar como este é todo un privilexio.

 

Día 2. De La Roque-Gageac a Montignac.

  No segundo día na ribeira do Dordoña, a primeira parada foi na vila de La Roque-Gageac. O nome xa o di todo, pois a vila medieval fica acochada entre o sainte da montaña e o río Dordoña, tanto, que a única estrada que a cruza esta  feita literalmente enriba do cauce. O sorprendente deste lugar é que aos parroquianos acordoulles transformar o nucleo nun xardín botánico tropical, polo que ó meterse naquelas pequenas rúas un tiña a sensación de terse trasladado a unha vila colonial no caribe. Cousas dos franceses.

SONY DSC

   Logo desta parada, e de aprovisionarnos dunha das especialidades locais, o aceite de noz, seguimos rumbo a outra vila con castelo, neste caso Castelnaud-la-chapelle, que domina dous vales, con cada seu río, o Dordoña e un dos seus afluentes, o Céou. A subida ó castelo a pe faise sufrida, pero logo as vistas compensan o esforzo. Ademais o castelo foi reconvertido nun museo, centrado na guerra e nas armas, ademais de repasar a historia do propio castelo e de toda a vila que se acubilla á súa sombra. Logo de visitar o castelo, xa xantamos nunha terraza  ó seu pe.

SONY DSC

  Xa pola tarde, puxemos ruta, con algunha parada  intermedia, cara o seguinte punto no mapa, o castelo-santuario-vila medieval de Rocamadour. Falamos do segundo lugar máis visitado de Francia, despois do Monte de Saint-Michel. Con razón. Non fun quen de facer unha foto que recollera na súa dimensión a estrutura dese lugar, todo prazas e escaleiras. Pero quenes teñan visto a versión de cine do señor dos aneis, seguramente encontren similitudes coa cidade de Minas Tirith. De todos xeitos, o castelo está no cume da parede contra a que se construiu todo o conxunto, por debaixo del esta o grupo de igrexas do santuario, coa sua virxe negra, e abaixo, contra o río, a vila medieval, pechada por dous arcos, que inda se conservan. Unha preciosidade. O final da tarde, achegamonos a Montignac, co pensamento xa posto na visita do día seguinte a Lascaux.

SONY DSC

 

Dia 3: de  Lascaux a Les Eyzies-de-Tayac-Sireuil.

O terceiro día de estadía na Dordoña foi todo para a prehistoria no val do Vézère, un lugar extraordinario. Comezando pola visita ás covas de Lascaux. Bueno, á cova non, á copia que teñen montada, similar á de Altamira, anque a cántabra ten un acabado máis aproximado á cova real e a de Laxcaux busca uns fins máis didácticos. A cova de Lascaux foi descuberta por casualidade no 1940, cando uns rapaces que buscaban un can perdido  deron cun oco pequeno, aberto no chan polas raices dunha arbore caida. Se esa arbore non caíra, deixando un oco de acceso, a cova inda seguiría oculta. E a saber as que haberá nesa zona.  As pinturas rupestres son unha maravilla digna de coñecer, sobre todo tendo en conta que teñen 17.000 anos de antigüidade e os medios cos que foron feitas. Ademais, falamos dunha cantidade enorme de pinturas,  1.963 unidades gráficas, entre pinturas e grabados, en solo 80 metros de cova. Como non deixaban facer fotos, deixovos unha que recollin de internet,

cave-paintings-lascaux

e tamén un par de  enlaces, por se queredes máis e mellor información:

https://www.nationalgeographic.com.es/historia/grandes-reportajes/la-cueva-de-lascaux-el-mayor-museo-del-arte-prehistorico_6471/1

https://www.lasexta.com/tecnologia-tecnoxplora/ciencia/divulgacion/cuevas-lascaux-descubiertas-casualidad-estropeadas-siempre_2014100157fca6630cf2a2e945ba1d9d.html

pero recomendovos a visita á cova, ademais esta moi ben montado o asunto, con moita información e moita trancallada dixital, dende tablets de uso persoal ata proxeccións. Peor están os dous parques que intentan colar como complemento da visita. A miña recomendación e non picar na compra, que supon gastar 24€ por persoa ( a visita a Lascaux son 17€). En todo o val do Vézère hai varios museos, uns públicos e outros privados, moito máis interesantes. Nos picamos na compra conxunta e case perdemos todo o día, tendo que deixar de lado a outra xoia da zona, o museo nacional de prehistoria. De todos xeitos, percorremos o val e puidemos comprobar porque é un lugar con tanta carga historica e prehistórica. Ben situado, con altas paredes de pedra caliza que dan abrigo e un río do que servirse. Ademais está pragado  de covas, refuxio ideal na época na que os  avos dos franceses andaban por ali cazando bisontes.

 Con ese paseo polo val do Vézère, parando nun par de sitios interesantes, demos por rematada a nosa visita á Dordoña, e xa puxemos rumbo  sur, para ir voltando, pouco a pouco, cara o centro do mundo.

 

Apuntes sobre a viaxe.

  • A autocaravana. Alugar unha autocaravana é unha opción de viaxe que ten ventaxas e inconvintes. O inconvinte maior e, nun primeiro momento, o seu custo. En tempada alta, preparadevos para pagar 140€ por día, anque negociando o prezo, se vos ides máis dunha semana, podedes sacala por algo menos. En todo caso non son baratas e tedes que sumar o combustible á conta. Dito isto, se pensades que ides gastar máis que con outra formula de viaxe, estades errados.  Outro inconvinte ten que ver con vivir en Galicia. Salvo Portugal, o resto de Europa fica lonxe, e iso pode ser un problema se se dispón de poucos días. E todo acaba aí. Por que polo demais  unha autocaravana solo ten ventaxas. Liberdade de ir e vir como se queira, parando onde se queira e sen preocuparse nin do hotel nin do restaurante. permite  xestionar a economía da viaxe moito mellor, pois sempre se pode, por exemplo se a cousa vai xusta, cociñar na autocaravana. A nosa formula foi mixta, desaiunando na furgo  e repartindo o resto de comidas do día, segun o lugar, o momento ou a apetencia, entre algún restaurante local e a nosa cociña de campaña, que cargamos en Euskadi.
  • Chegar a Dordoña. Nos optamos por ir, dende Euskadi, vía Burdeos, pois queriamos visitar esa cidade e tamén pasar pola duna do Pilat (xa vos contarei), pero non é nin de lonxe a mellor opción, pois os atascos para chegar a  Burdeos son de dimensións épicas, e insufribles. Ademais as autopistas son caras. O mellor e máis barato é dirixirse dende a fronteira, mellor dende a Navarra, directamente a Bergerac, ou á vila que escollades para iniciar a ruta.
  • Moverse por ali. Na autocaravana en Francia non hai problemas, nin para moverse nin para aparcar, pois case todas as vilas teñen zonas delimitadas para autocarvanistas, e en xeral e un sector turístico ben tratado, non como en España, que inda pensamos que os das autocaravanas son unha banda de vellos furricas que non deixan un peso. O meu consello se viaxades é que levedes, ademais do navegador, un mapa de papel, dos de toda a vida. Resulta moi util para trazar rutas de viaxe, pois aporta moitísima información. Ademais, nos usamos de guía a páxina https://www.france-voyage.com/es/ , moi completa e que nos permitiu organizarnos bastante ben.
  • Comer e beber na Dordoña. Nesa zona de Francia tedes que ter en conta que pensan que teñen un viño boisimo. Non o dubido, pero ter bo viño e unha cousa e pagar de media 7 €  por unha copa de viño outra moi distinta. O viño, entón, moi caro. Comer non tanto, eu de media calculei que nun restaurante normal, se pagan por persoa 2/3 € máis que por aquí. Que se come? foie grass de pato, zancos de pato, peituga de pato…todo o pato, e  a oca. E despois un pouco de todo, prodúcese moita noz, e polo tanto teñen aceite de noz, licor de noz, cervexa con noz… tamén queixo, mazas…
  • custes da viaxe. Como vos decia ó principio, esta viaxe solo é parte dunha algo máis longa, polo que sendo puristas habería que sumar os custes de chegar a Dordoña, pero é que non fomos moi dereitos que digamos. Así que  centrándonos neses tres días, sumando o alugueiro da autocaravana, máis o combustible, comidas, entradas, compras, cañas e demais, gastamos en tres días en torno a 600€. Se vos parece caro tede en conta que se queredes ir en avión, dúas persoas, pagar hotel e alugueiro de coche para poder desprazarvos … os custes serán similares, ou maiores. De feito, esta viaxe xurdiu logo de ver o que valía  irse dez días de vacacións a varios  lugares de europa. Demonos conta de que sumando todo non había moita diferencia, cando non saía directamente bastante  máis barato ir na autocaravana.  Como referencia, descontando o custe do alugueiro, nos levabamos un orzamento de 150€ para cada día (prevendo imprevistos), e gastamos bastante menos.  O que está claro é que logo duns anos de bos prezos, o custe de viaxar, polo menos no verán,  volveu a subir, e bastante.

   Por último, recomendovos que se tedes a posibilidade visitedes a Dordoña, por que paga moito a pena. Nos solo lle dedicamos tres días, pero deixámonos moito atrás, e penso que da perfectamente para empregar unha semana enteira de vacacións, sen cansarse do lugar. Ademais non é moi extenso, e se non vos vai isto da autocaravana, penso que cun hotel algo centrado e un coche de alugueiro, podedes organizar  unha viaxe moi bonita e non moi cara. Ademais esta zona en primaveira e outono, que son tempada baixa ,  debe ser todo un espectáculo.

SONY DSC

Esta entrada foi publicada en viaxes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s