Interesa que se debatan no parlamento os problemas dos galeg@s ou é máis importante manter a cuota de pantalla?
Esta pregunta colgouna no seu muro do facebook un militante do bng de certo peso, polo menos a nivel comarcal, o pasado 12 de febreiro, dando pe a máis de dúas ducias de comentarios e certo debate.
Como en xeral non me gusta moito meterme onde non son ben recibido, limiteime a observar este debate sen entrar nel. Mellor, porque o que tal escribiu algún iluminado, era de xulgado de garda. Pero en fin, cada un cas súas ideas …
Para min a resposta a esta pregunta é simple. Débense debater no parlamento todos os problemas e tamén todas as solucións a eses problemas que afectan os galegos e galegas, e ese debate ademais debe ser público, con moita presenza nos medios e polo tanto na rúa.
Pero a pregunta así expresada, que pretendía levar a unha critica máis ben absurda dos deputados de AGE e a súa maneira de actuar no parlamento, fíxome reflexionar sobre o que esta acontecendo no parlamento galego coa acción de AGE, e en como están reaccionando os outros partidos da oposición, en especial o Bng.
O parlamento galego ata a chegada de AGE vivía nunha sesta desas que din “de pixama e vacinillo”. O único que transcendía do que alí dentro pasaba era, a parte dos discursos do pepero de turno, que o PP decía branco e todos os demais, en xeral, dicían negro ou gris, sen máis.
Por dicilo amablemente, o sillón a parte do cu reblandecera tamén as cabezas, e no medio, agora sabemos ata que punto, os petos.
O que esta acontecendo agora é o que debe acontecer nun parlamento. En primeiro lugar que o que ocorre alí dentro chega a cidadanía, polo menos as cousas de maior relevancia. En segundo lugar que se creou un ambiente intenso de debate e de propostas, e que o PP xa non solo se enfronta a unhas persoas que se limitan a posicionarse a contra e punto, se non a uns deputados (os de AGE) que lle plantan cara forzando o debate, abrindo ademais o parlamento a cidadanía (por moito que a Rojo o queira pechar), e que esixen e propoñen, algo inaudito dende fai anos, como se evidencia na incompetencia dos propios deputados populares, totalmente carentes de capacidade de debate ou razoamento, que simplemente ían alí a levantar a man e agora son incapaces de reaccionar o se encontrar con algo totalmente diferente. Pero sobre todo, o que esta acontecendo, é que os demais partidos da oposición se están vendo arrastrados pola postura de AGE, e estanse vendo obrigados a tomar iniciativas e a, cando menos, aparentar que traballan.
Eu sempre defendín e o seguirei defendendo que en política tan importante é o traballo que se realiza como a transmisión a cidadanía que se fai do traballo que se realiza. Por iso me chamou tanto a atención a pregunta deste militante do Bng. Porque eu entendo que debater os problemas das persoas que viven no noso país non é algo que haxa que facer a porta pechada, nin moito menos favorecendo a imaxe dun ambiente de colegueo e compañerismo entre deputados de partidos e ideas opostos. Esas son as posturas que fan que a xente diga que os políticos son todos iguais, e empobrecen a percepción que ten a cidadanía das institucións publicas.
Os problemas do noso país deféndense debatendo e propoñendo, permitindo a cidadanía que participe, e que reivindique aquilo que considere necesario reivindicar. O debate do presente e do futuro do noso país non debe estar solo no parlamento ou nas sedes dos partidos, se non tamén nos medios de comunicación e na rúa, e iso facía anos que non acontecía en Galicia, en gran medida propiciado polo propios partidos, que preferían manter as cousas baixo control e certo silencio, para poder mandar mensaxes interesadas politicamente falando.
O meu modo de ver, que os nosos parlamentarios saian nos medios é moi positivo, e canto máis mellor, porque así vemos o que andan a facer, que na maioría dos casos, como se ve por exemplo cos deputados do PP , simplemente é acudir a levantar a man nas votacións.
Polo visto non todo o mundo esta de acordo con isto..
Sorpréndeme ver que os mesmos que se queixan a miúdo do silencio dos medios de prensa agora tamén critican o contrario, que na prensa saia o que esta acontecendo no noso parlamento mais aló das frases bonitas de Feijoo. Sorprende pero mais ben parece un ataque de celos que outra cousa. Supoño que ten que ser duro para os do Bng ver a unha coalición como AGE (coalición onde esta Anova, formada por moitisima xente que fai un ano lle dixo “xa chega” o Bng/Upg) traballando e transmitindo ese traballo, mostrándolle a cidadanía que os nosos deputados van o parlamento a algo máis que a cobrar, e que a escusa da maioría absoluta do inimigo político para non actuar é absurda.
Un exemplo claro desto todo que digo deuse estes días con esa parte dos ingresos dos parlamentarios que non se declara a facenda. Iso non ocorre dende onte precisamente, pero sen embargo ninguén había dito nada. Sorprendente. E indignante. Tivo que chegar AGE e denunciar publicamente este despropósito, para que o Bng se puxera na mesa parlamentar (a AGE ahí non lle deixaron entrar, agora vese o por qué) o choio de esixir cambios e que todo o que gane un deputado se declare a facenda e xere os impostos correspondentes. Pero foi agora, cando AGE fixo saltar a lebre, e non antes, e mentres tanto, o longo destes anos, todos os deputados (entre os cales curiosamente figura a parella deste militante do Bng o que tan mal lle parece que o que acontece no parlamento saia nos medios) dedicábanse a cobrar sumas incribles e a calar como unha parte mais da Santa Compaña do PP e dun parlamento que era a nosa vergoña.
Por iso estou tan contento co traballo que esta a realizar AGE. Porque falan de fronte a cidadanía, non de costas a ela, nin ignorando as persoas deste país, e porque predican co exemplo, inda que para iso teñan que renunciar a unhas prebendas máis que apetitosas para o común dos mortais, incluídos eses supostos comunistas-anticapitalistas que campan polo noso parlamento.
Xa era hora.
Deixovos un enlace para que vexades algúns videos coas posturas de AGE no parlamento..