O domingo, no transcurso do I Duatlon Cross Ribadumia, dúas señoras recrimináronlle a un membro da organización que estaba todo moi mal montado e que inda tiñamos moito que mellorar. Este compañeiro preguntoulles, ante tal alarde de coñecementos organizativos , que probas deportivas organizaban elas, a resposta foi que ningunha, o cal provocou que o enfado do meu compañeiro fora maior. Cando mo contou tiven a idea de redactar esta crónica de cómo se organizou unha proba deportiva que non solo se realizaba por primeira vez no noso concello, se non tamén na nosa
comarca, ademais de ser unha das únicas catro probas destas características que se realizaran en Galicia este ano. E non con ánimo de presumir de nada, se non solo para que vexades o traballo que hai detrás de todo isto, e o moito que hai que facer para sacar adiante unha actividade deste tipo.
Todo comezou con dous Homes da Bouza falando nun bar. Non podía ser doutro xeito.
Os compañeiros da Asociación Cultural Herminio Barreiro querían recuperar a carreira popular que durante moitos anos se celebrara en Ribadumia no dia de Reis, unha proba que no seu momento alcanzara moita aceptación tanto de publico como de participantes e que por moitos motivos, un deles a desidia do propio concello, se deixou de organizar. E deso estaba eu unha tarde falando co meu gran amigo José Manuel Vazquez fillo, que todos coñecedes como Russo, entrenador e media alma do Club Náutico O Muíño, que dende fai anos é o referente deportivo deste concello, polo menos no que en logros se refire, e membro da Asociación O Batan, organizadora no seu momento da carreira popular. E falando desto e de aquilo, e do tirón que nos últimos anos esta tendo o mundo da BTT, concluímos que igual era boa idea cambiar a “carreira popular” por un “duatlon popular” (proba que consiste en facer un tramo correndo e outro en bicicleta, para rematar logo cun terceiro tramo correndo. Neste caso ademais en modo “cross”, ou sexa usando pistas sen asfaltar e monte e campo a través), aproveitando o paseo que temos pola beira do río Umia como eixe central da proba. Bueno, eu paseilles a idea os da Asociación Herminio Barreiro, e eles estiveron de acordo en que era un bo plan.
Así foi como chegamos a un acordo para entre a Asociación Herminio Barreiro, o Club Náutico O Muíño e a Asociación O Batan, facer algo que non se había feito ata entón no noso concello, unha Duatlon Cross Popular. Na Asociación Herminio Barreiro somos poucos membros e temos varios proxectos e andamos en máis historias, como o curso de panxoliñas para os nenos que demos en Decembro, ou a paxina web e o boletín cultural nos que inda estamos traballando, así que decidimos que para non sobrecargarnos todos, nun principio, mentres o traballo era simplemente organizativo, iamos poñernos co tema do Duatlon dúas persoas, eu e Mauro. Contando co apoio do Russo por parte do Muíño e do Batan. Ademais tivemos a sorte de que se nos sumara a todo o equipo Pablo Dosil Rosende “Padoro”, con contactos na Federación Galega de Triatlon (Fegatri).
En canto nos puxemos en serio a estudar o tema, topámonos co primeiro problema : os seguros. Se alguén se cree que para organizar unha carreira chega con cortar catro pistas e marcar unha saída e unha meta , lévao claro. Hoxe en dia, todas as probas deportivas deben ter seguros que protexan os deportistas, o publico e incluso os bens que poidan resultar danados por algún accidente. Este era un problema difícil. Hai que saber que numero de participantes vai haber, subscribir dous seguros, un de responsabilidade civil e outro medico para todos os participantes, de maneira individual …
Foi entón cando entrou en xogo a Fegatri. Falamos con eles é propuxémoslles que a proba fora oficial e entrase no campionato galego, e eles aceptaron encantados. Viñeron por Ribadumia un par de veces e logo de darlle varias voltas e cambiar a idea que tiñamos sobre a data e sobre o percorrido, que xa habiamos presentado de maneira provisional do concello, conseguindo o apoio da alcaldesa, inda que sen concretar nada, acordamos acurtar o percorrido, facendo toda a proba nas inmediacións do club náutico, para economizar en cortes de vias, e en temas loxísticos, poñendo a saída, a transición (pasar de correr a bici e viceversa) e a meta no mesmo lugar. Ademais seria mais vistoso de cara o publico. E de paso, dende a Fegatri ocupabanse dos seguros.
Pero unha cousa era falalo e outra poder facelo. Demos unha volta a sobre o terreo e comprobamos que había varias fincas o longo de todo o río ata Pontearnelas que ou ben estaba sen traballar dende facía tempo, ou ben non tiñan nada plantado nese momento. E pensamos en facer o percorrido por esa zona, aproveitando unha parte do paseo fluvial e utilizando se obtiñamos permiso dos propietarios as fincas que nese momento non estiveran cultivadas.
Cunha idea xa mais clara do que queriamos facer, puxémonos mans a obra de organizar todo isto. Por un lado, había que conseguir permisos dos propietarios dos terreos. Por outro había que conseguir os diferentes permisos oficiais, para realizar a proba, para cortar as estradas, cousas así. Logo estaba a parte económica. Os seguros son caros, e a federación cobra por vir facer a arbitraxe, e había que comprar estacas ,cinta de marcar, os trofeos, avituallamentos (algo de beber e quizais unha barriña enerxética para cada participante)…. E un cento de cousas mais, pequenas pero que suman.
Ata aquí todo falar. Coller unha idea simple e retorcela ata transformala nun proxecto de envergadura. Logo tocou poñerse a traballar.
O primeiro que fixemos foi volver o concello, a ver como podiamos concretar a súa colaboración. O final Mauro, que levou a responsabilidade de tratar co concello, ganándose coa súa profesionalidade e traballo abnegado un lugar no ceo e un monumento nalgunha praza, conseguiu que nos cederan un mapa do padrón municipal, e os nomes dos propietarios, pero nada mais, debido a temas de protección de datos. E os nomes non nos soaban de nada. A ningún de nos. Ademais parte da proba ia transcorrer polo lado de Cambados, e de ahí si que non tiñamos datos. E non queríamos lidiar con dous concellos. Andabamos demasiado mal de tempo para poder facelo.
Tiñamos unha lista de prioridades. A primeira, conseguir os permisos para pasar polas fincas e solicitar os cortes de estradas. Sen fincas non había percorrido, e sen percorrido non había proba.
Esa parte tocounos resolvela os da Asociación.
Creo que cometemos dous erros durante a organización da proba. O primeiro foi pedirlle as persoas equivocadas que foran falar cos propietarios das fincas. O que pasou foi que esas dúas persoas, grandes persoas e grandes amizades miñas, se comprometeron facer esta parte do traballo e non o fixeron. Case me levan a tumba. Cando a un non lle xurdía un problema que atrasaba o asunto, encontraba unha escusa, ou encontrábaa a outra persoa, ou unha desaparecía do mapa dous ou tres días. Ou non conseguían poñerse de acordo nun dia e unha hora. E mentres o resto de nos esperando, tascando o freo, e eu todos os días escusando a uns compañeiros diante dos outros, a federación pedíndonos o percorrido final …un lio.
E certo, no segundo dia puidemos outros facer o traballo e listo. Pero iso de sacarlle as castañas do lume a xente irresponsable non é o meu. Ademais non iamos facelo todo entre dous ou tres, non era o plan. Cando vin que o asunto non se ia resolver, chamamos a unha terceira persoa para que empuxara do tema. Era o peor de todos. Que si, que si que si..e despois,.. maña., que si o fin de semana que esta todo o mundo na casa, que si o luns que os domingos non se molesta a ninguén ….En fin, o final tiven que desistir dos dous primeiros, e entre o terceiro de marras, Padoro e mais eu facer o traballo. Resolvemos a maior parte do problema en dúas horas e en poucos días, o resto. E inda recibimos a axuda dun par de persoas coas que non contabamos, que nos facilitaron moito a labor. E iso a pesares de que algúns nomes non se correspondían cos propietarios das fincas, de que outros xa non vivían …. Pero a verdade, e iso si é algo moi positivo, é que os propietarios das fincas se portaron estupendamente, dándonos todas as facilidades, incluído o propietario dunhas parras polas que pasou unha parte da proba. Aproveito para darlles as gracias a todos eles.
Pero antes perdemos un mes por culpa da irresponsabilidade. Retrasámonos moitísimo coa preparación do circuíto, retraso que pagamos o final. E eu paseino fatal.
Poño estas cousas porque esta é unha historia que se repite sempre en todas partes, e xa vai sendo hora de que as persoas maduremos algo.
Unha vez conseguidas a maioría das fincas, xa podiamos poñernos o traballo de campo. Marcar o percorrido, sumar kilometros e fincas ata rematar o circuito. O ser unha proba oficial, hai que respectar as marcas da Federación de Tríatlon, neste caso, 5 kilometros de carreira, 20 de bicicleta, e outros 2,5 de carreira para rematar.
No tempo de esperar polos terreos, tampouco estivemos parados de todo. O concello mollouse algo máis e comprometeuse a pedir os permisos pertinentes para o corte de estradas e demais, ademais de poñer a nosa disposición o corpo de Protección Civil.
Aquí hai que facer unha puntualización. A alcaldesa mostrouse colaboradora en todo momento, e iso hai que dicilo. Tamén hai que dicir que se cando se contratan persoas se atende a súa profesionalidade, non pasan cousas como as que nos pasaron a nos. E o que nos pasou foi que a persoa responsable no concello de solicitar os permisos non pediu todos os permisos que había que pedir. Foi un erro, pásalle a calquera, e o final non pasou nada. Pero foi un erro do que nos decatamos cando fomos outro dia o concello e preguntamos, e que logo nos obrigou a andar a correr tanto a nos como o concello, chamar a Xunta de Galicia, a Trafico, ir o concello un par de veces máis, vinte mil e-mails..….e todo no mesmo dia da presentación oficial da proba. Aquí foi onde o noso amigo Padoro se ganou as súas medallas.
Tamén tivemos que conseguir un tractor, de feito dous, e mais tarde un pisón mecánico que nos cedeu o concello, para pasar as cadeas e pisar o percorrido deixándoo perfecto para a proba. Perfección afinada logo cunhas moi oportunas choivas.
Unha cousa na que o concello se retrasou foi en comunicarnos se ían facer aportación económica e de ser así canta. Para nos era moi importante, pois non están os tempos para andar a pedir as empresas, e non queriamos pedir mais do xustiño. O final, o concello pagou unha parte dos seguros, e nos conseguimos o resto cobrando pola inscrición na proba(algo por certo normal), petando nas portas de empresas, tirando de familia e amigos. Pero hai que dicir que a maioría das empresas non aportaron cartos, se non cousas que necesitabamos, como cartelería, dorsais, un taller de campaña, os trofeos, …. Pero como exemplo do que se gasta nestas cousas: solo en cinta de vallar, gastamos mais de 200€.
Na última semana precipitouse todo, principalmente debido o atraso en conseguir as fincas. Rematar o circuíto. Limpar o tramo de monte a man. Topámonos con que tiñamos un problema de espazo no percorrido e tivemos que facer unha ampliación de última hora, polo outro lado do río, volver a buscar propietarios, pedir permiso, marcar o percorrido. Cravar estacas e vallar, ir correndo o aserradeiro axudar a facer máis estacas (foron mais de 200 o final), repoñer a cinta que rompía o vento …. Conseguir un podio, un equipo de son, os boxes para as bicis, organizar todo o traballo do domingo, poñernos de acordo con Protección Civil, preparar os avituallamentos.. eu que sei , mil historias. O venres antes da proba e o sábado pillamos dúas molladuras de campionato, ademais de toda a lama que nos levamos para a casa. Pero neses últimos días todo o mundo arrimou o ombreiro, sumáronse máis persoas e fixemos un gran traballo.
Por último, o domingo as 7:45 da maña, cando por fin ia a quedarme durmido, pitou o espertador. E inda quedaban por poñer non sei cantas vallas nas estradas, repasar o percorrido por se o vento arrancara algo, colocar os inchables publicitarios, marcar a saída, colocar os boxes para as bicis, atender os participantes, o equipo de son.. E o rematar, recoller todo e desmontar o circuíto.
A última hora, un problema cos dorsais (O noso segundo erro, esta vez un fallo de entendemento entre nos) retrasou a proba uns minutos.
Pero con todos os problemas, con todo o traballo que pasamos, con todas as reviravoltas que tivemos que dar, a proba finalmente foi un éxito absoluto,. O percorrido ós participantes gustoulles, foi vistosa, e o publico tamén disfrutou. E non houbo ningún accidente, mais aló das caídas e pinchazos habituais. Os que participaron da organización, salvo polo que xa dixen, portáronse todos xenialmente. Gracias amig@s.
Por certo, tocoume facer de speaker. Penoso. Para facer de speaker, ou se ten practica, ou se leva o asunto preparado. Eu non cumprin con ningún dos requisitos, pero que lle imos facer, non se pode ser bo en todo. O peor foi que non vin a proba, salvo cando pasaban por diante de onde eu estaba.
Todas as persoas que participaron na organización, fora moito ou pouco merecen ser felicitadas. Pero hai dúas mencións que quero resaltar. Unha para unha persoa a que non vou nomear porque non estou seguro de que lle gustara. Pero esa persoa fixo unha labor enorme a pesares de non formar parte da organización da proba. Indicounos e púxonos en contacto cos propietarios das fincas. Cando tivemos que seguir buscando máis fincas, el pola súa propia conta buscou a algún deses propietarios e pediu a finca en nome noso. Cedeunos terreos e patrocinounos. Moitisimas gracias.
A outra mención é para o meu amigo o Russo. Un puñetero insoportable. É unha persoa cunha gran capacidade organizativa, estivo implicado en todo momento (o circuíto saíu da súa cabeciña) e con ese nervio seu non nos deu un minuto de respiro (inda agora non nos deixa tranquilos), Berramos moito, discutimos moito, os teléfonos arderon, algún que non nos coñece moito quedou penso que algo mais que abraiado nalgún momento. Acordamos gardar as conversas do grupo do Whatsapp, son uns arquivos únicos. . Gracias por todo Manolo, pero débesme unha cea, e eu escollo restaurante, non o esquezas, vaille pedindo cartos a muller.
Fai unha semana estaba seguro de que non volvía meterme nun lío destes na vida, agora penso que visto o resultado, valeu a pena todo o traballo.
Hai moito que mellorar, e sempre sairá algo mal, pero en xeral estou contento, fixemos un gran traballo.
Reblogged this on jmanuelvazquez and commented:
Así se organizou desde dentro.
Pingback: I Duatlón Cross Ribadumia « A Cunca Cultural