Esta maña presentei no concello unha petición para que se carguen na partida de emerxencia social a cantidade que me correspodería a cobrar pola falsa Comisión Informativa de Deportes celebrada en Novembro. (abaixo deixovola enteira).
É un xesto simbólico, pois a cantidade e relativamente pequena :30 euros.
Pero é un xesto que busca chamar a atención sobre dúas cousas:
A primeira é a utilidade dos plenos municipais, e de paso das comisións informativas previas. Moitos de vos
seguramente non sabia nin que había comisións, nin o que eran, e pensabades que os plenos municipais son un sitio onde os políticos van a repartirse insultos uns días e prebendas os outros. Nada mais lonxe da realidade. É unha imaxe parcial. Insultos hainos porque esta democracia ten entre as súas virtudes que calquera poida ser concelleiro, sen necesidade de educación ningunha. Pola miña parte non oiredes insultos, solo definicións e por certo bastante acertadas, pero se vos oirades as burradas que oio eu seguro que tamén vos apetecía definir a quen as solta, ou incluso arrancarlle a cabeza. Pero esa imaxe parcial nace da vontade dos partidos maioritarios de illar o funcionamento das institucións da cidadanía. Moitas persoas non se enteran nin de cando se convocan os plenos, e dende logo ningún partido dos que se din maioritarios se mostra disposto a explicarlle a cidadanía como funciona todo isto, e incluso os propios políticos en moitos casos desprestixian coas súas opinións unha ferramenta democrática primordial. E certo tamén, que os grupos políticos, o ser sectarios por natureza, e amparados pola lei das maiorías absoluta, moitas veces reducen bastante a operatividade dos plenos ( a ver quen é o concelleiro do PP que en Ribadumia se atreve a votar o contrario os demais).
Pero todo isto aléxanos da realidade. Nos concellos hai un equipo de goberno que toma as decisións menores a través das comisións de goberno, logo, as decisións de certa importancia, ou as que veñen marcadas pola lei, e as mocións presentadas pola oposición ou incluso por calquera veciño particular ou entidade, deben debaterse nos plenos municipais, onde a oposición tamén ten voz inda que non participe do goberno, e que por certo, son totalmente abertos o publico ( e en Ribadumia podedes acudir tranquilamente, que a camada de cadelos do PP solo acude cando se prevé a visita de grupos perigrosisimos, violentos terroristas como as señoras Alfajeme ou de persoas con dereitos que defender). Nos plenos as decisión tomanse por votación democratica dos concelleiros (un concelleiro, un voto), de tal xeito que estes non están en principio obrigados a apoiar unha liña política concreta, e poderían votar incluso en contra do que dicte o seu partido. Para informar sobre os temas que se debaten nos plenos e negociar acordos están as comisións informativas. Non quere decir esto que nas comisión informativas todos os grupos teñan que posicionarse, pois a maioría das veces o que se busca nestas comisións e simplemente informase, para logo poder decidir unha posición dun xeito coherente. Tamén parece que ó PP as comisións informativas solo lle serven para cobrar, de feito eles alí non deben ir a outra cousa que os euros dado que nin sequera se leen a súa propia documentación a maioría das veces, pero a realidade é que os acordos que vexades que se votan por unanimidade nos plenos se conseguen a miúdo falando e buscando puntos de acordo nestas comisións. Por iso me gusta insistir no traballo que hai detrás de todo este tinglado, porque un non pode ir a unha comisión informativa sen ler a documentación, ou saber o que se vai preguntar, ter unha opinión formada, ou unha alternativa que presentar. Claro, despois escoitas a nosa alcaldesa, acusando a oposición de non posicionarse antes dos plenos nin facer aportacións (solo nos dous últimos plenos deberon presentarse unhas vinte mocións dende a oposición, o triple que os puntos presentados polo grupo de goberno do PP) e claro, dan ganas de definila un pouco.
A segunda cousa sobre a que quero chamar a vosa atención é a maneira que ten o PP de gobernar este concello, con total irresponsabilidade, desvergonza e falta de respecto cara os veciños e veciñas, que foron quenes os puxeron nas súas cómodas sillas. E ademais dando mostras dunha soberbia vergoñenta, chegando incluso a gastar cartos que son de todos e de todas en tentar mofarse dos concelleiros da oposición, chamándonos a reunións non solo para facernos perder o tempo, se non con intención clara de rirse de nos, aparentando unha vontade política que están lonxe de ser.
Iso si, todo isto cobrando. Non recordo se acudiron todos os concelleiros do PP (como a maioria non se molesta nin en abrir a boca costame recordar quen está e quen non). Para o caso de que acudiran todos, a celebración desa comisión teria un custo para as arcas do concello de 300€ (solo o que cobran os concelleiros, sumadelle vos a luz da sala de plenos, a calefacción….). 300€ que poden parecer nada, pero cos que seguramente se podería axudar nestas datas a que os nenos dun par de familias en situación delicada tiveran os seus regalos, ou a que máis de un ou de dous anciáns non pasase frío este inverno. Por que digo eu , ¿cantas mantas se poden comprar con 300€? Menos que cos 420.000€ que se van estragar nun anaco de terra, evidentemente, pero dende logo mais que con 0€, que e a cifra coa que moitos veciños nosos chegan a mediados de mes (non pensemos xa en finais).
E remato deixándovos unha cuestión para que meditedes. A esta comisión informativa, acudiron ( se foron todos) 10 concelleiros en total. Os tres concelleiros da oposición (un do PSOE, outro do BNG, e eu mesmo) démonos conta da tomadura de pelo do PP. Tanto no PSOE coma no BNG (os do PP tamén pero ninguén llo cre) gustan de presumir da súa honradez, da súa decencia, de que non están en política por cartos. Algún incluso chegou a plantearlle a alcaldesa que se reducira o salario. Entón…
¿Cómo é que o único que non esta disposto a participar desta broma e renuncia a cobrar o que por lei lle corresponde, é o concellal non adscrito José Enrique Oubiña Lago?
———————————ooo———————————————————————————————————–
A Doña Salome Peña, alcaldesa de Ribadumia:
Son José Enrique Oubiña Lago, concelleiro non adscrito a ningún grupo político, e quero expresar o meu desexo de que se cargue na partida económica dedicada a emerxencia social a prestación económica que me corresponde pola asistencia a Comisión Informativa de Cultura, , Educación, Deporte e Xuventude que tivo lugar o día 05 de novembro de 2012 as 20:30 horas, no Salón de Sesións da Casa Consistorial.
Esta renuncia a percibir a cantidade que me correspondería por acudir a unha Comisión Informativa debese a que na miña opinión e na do meu grupo, a convocatoria desta comisión foi totalmente inadecuada, improcedente e innecesaria, pois atendía a intencións exclusivamente partidistas (por dicilo dalgún xeito amable) do Partido Popular de Ribadumia, que ademais mentiu dicindo que estabamos tratando un tema (a compra duns terreos para un novo campo de fútbol por valor de 420.000€) en fase de estudo como unha das posibles solucións a un problema plantexado polo C.D. Ribadumia e que se nos requiría para aportar as nosas opinións e alternativas o respecto, coa suposta intención de buscar un acordo entre todos os grupos, cando a realidade como se nos confirmou na seguinte comisión ,celebrada o dia 15 de novembro, era que o asunto en cuestión xa estaba totalmente avanzado, e polo tanto o grupo de goberno do Partido Popular en ningún momento había valorado outras alternativas para solucionar o problema plantexado polo C.D. Ribadumia nin moito menos pensara chegar a acordos coa oposición, sen esquecer que tendo os datos e as cifras da operación proposta, se nos ocultaron intencionadamente.
As comisións informativas son unhas ferramentas de traballo cuns obxectivos claros, que conlevan sempre unha carga de traballo que hai que realizar antes de chegar o salón de plenos, e que teñen uns custes económicos para os veciños e veciñas de Ribadumia, e polo tanto deben ser convocadas con rigorosidade e non obedecendo a intereses partidistas e/ou económicos. E moito menos deben ser utilizadas para mofarse dos grupos de oposición, como foi o caso.
Permítome aproveitar a ocasión para reiterar que efectivamente as Comisións Informativas son de importancia vital porque son onde os grupos políticos presentan e explican os seus proxectos e mocións, onde se explican tamén documentos de maior importancia, como os orzamentos de cada ano, onde se plantexan alternativas, se buscan acordos e onde os grupos, se o desexan e consideran que poden nese momento ter unha postura clara de cara o pleno seguinte, teñen a oportunidade de expoñer cales van ser as súas posicións, anque non é obrigatorio. E entristéceme escoitar ó Partido Popular, que é o grupo que menos posicionamentos deixa claros nas diferentes comisións e que raramente opina sobre as mocións dos outros grupos antes dos plenos, queixarse precisamente de que os demais grupos se reservan sempre a súa opinión para o pleno ou que non aportan alternativas.
en Ribadumia, a dia 18 de Decembro de 2012
Jose Enrique Oubiña Lago,