No pasado pleno municipal pasaron mais cousas ademais das que falei noutros artigos. Unha delas foi que a alcaldesa Salomé Peña anunciou as taxas municipais non subiran o próximo ano.
En primeiro lugar unha puntualización. O PSOE presentou unha moción , que dou pe o anuncio da alcaldesa, pedindo a conxelación das taxas municipais.. Queda moi bonito presentar mocións así. O que non queda tan ben é que o faga omesmo partido que fai un ano acusaba o PP (igual que o BNG e eu mesmo) de cometer unha barbaridade por subir as taxas de golpe e non ir aplicando o IPC cada ano, como seria o normal. De feito, busquei a acta, con data do 3 de novembro do ano 2011, onde o PSOE dixo o seguinte: “fai uso da palabra o Sr. Pereira Rodríguez (concelleiro do PSOE) e incide en que a actualización se debería ter feito durante estes anos, coa suba do IPC e non agora aprobar esta suba de golpe que é unha barbaridade”. Fixádevos que cousas, o ano pasado para o PSOE deixar as taxas sen subir varios anos estaba mal, mentres este ano pide precisamente a conxelación destas mesmas taxas. Este é un exemplo claro do PSOE que temos hoxe en dia, un partido que da bandazos sen control e que a nivel municipal se limita a presentar mocións populistas e demagóxicas, co único obxectivo de quedar ben, pero sen animo de aportar solución algunha.
En segundo lugar, quero explicarvos a posición do meu grupo que, se os señores da prensa queren, sairá publicado maña.
O meu grupo oponse totalmente a esta medida consistente en conxelar as taxas o próximo ano, por que a consideramos irresponsable e ineficaz, nun momento onde o que fan falta son medidas firmes e eficaces de apoio as persoas que o están pasando peor, e non propaganda populista que non alivia a situación de ninguén.
Esta medida, está claro que queda moi bonita de cara os veciños, e ademais calquera que se encha a boca dicindo que propuxo conxelar taxas ou baixar impostos queda ben cos demais (vexase a gloria do PP criticando o PSOE por subir o I.V.E. e dicindo que eles non ían subir) , pero dende logo non é a máis adecuada.
Conxelar as taxas leva, en primeiro lugar a una merma nos ingresos do concello, moi necesarios para atender os gastos e as inversións necesarias entre elas os asuntos sociais (si, xa sei que algúns estades pensando que tamén se gastan en regalarlle terreos a algún equipo de fútbol, pero isto ocorreu solamente porque temos unha alcaldesa irresponsable e incompetente), e en segundo lugar leva a que inevitablemente o ano que finalmente se suban (porque haberá que subilas antes ou despois, sobre todo tal como están tratando ós concellos o goberno central e o da Xunta de Galicia, ambos do PP) a subida será mais elevada e repentina e polo tanto mais dolorosa para os veciños.
E o exemplo máis claro do que vos digo foi o axuste do ano pasado na taxa do lixo, que logo de anos conxelada, sufriu unha suba dun 100%, ou sexa, do doble so que se estaba pagando.
Hai que deixarse de demagoxias, e de artificios electoralistas como subir as taxas no primeiro ano de goberno e non volvelas subir ata a seguinte vez que se ganan as eleccións, porque iso non beneficia nin o concello nin os veciños e veciñas de Ribadumia, que bastante temos con aturar a incompetencia dunha alcaldesa débil, incapaz de defender os dereitos dos nosos veciños, como se veu co dramático caso da empresa Alfageme, ou de xestionar os recursos do concello, como demostrou cando en lugar de rendabilizar os tres campos de fútbol actuais gastando un total de 0 (cero) euros do concello decidiu, dobregándose os caprichos do señor Louzán, encamiñarnos a ruína gastando mais de 420.000 euros en terras para outro campo de fútbol, o cuarto para so dous equipos.
Non nos gusta, claro que non. Pero hai que dicir as cousas claras: hai ser responsables e hai que subir (ou baixar) as taxas municipais o equivalente o valor do IPC cada ano. E hai que facer tamén mais cousas. HAI QUE PROMOVER DESCONTOS E MESMO EXENCIÓNS NO PAGO DAS TAXAS AS FAMILIAS QUE ESTÁN PASANDO MOMENTOS DELICADOS, e para as cales afrontar os pagos das taxas municipais e dos impostos como o IBI, supoñen un desembolso difícil ou imposible de asumir, por moi conxeladas que fiquen este ano próximo..