
O alcalde de Ribadumia e presidente da Mancomunidade do Salnés oféndese moito cando o tratan de traidor. Pero os feitos falan.
David traizoou ao PP pasándose aos Independientes por Ribadumia cando Rafa Louzán optou por Salomé para a alcaldía e non por el. Máis adiante traizoou a quen o puxemos de alcalde, de moitas maneiras. Logo traizoou á veciñanza, a parte dos seus propios compañeiros e compañeiras e a quen deu a cara por el como independente cando vendeu a súa volta ao PP. Despois, cando asaltou a Mancomunidade traizoou a Carlos Viéitez ao colocar a Asperez de delegado de Turismo e tentar poñerlle un salario. Logo traizoou a Asperez, a quen a parte dunha nómina prometeulle a alcaldía de Meaño (e glorioso paso ao PP coa mesma estratexia seguida en Ribadumia), ao recuar, no medio do bochorno, cando menos nunha das dúas promesas, veremos se das dúas. E nesta última semana traizoou ao PSOE ao romper un acordo con menos de quince días e colocar a Sabela Fole na Vicepresidencia da Mancomunidade.
Esas son as traizóns grandes, todas coñecidas. Pero logo están as pequenas traizóns. As promesas incumpridas e as reunións e as chamadas que nunca chegan, algo do que da fe, e cada día máis, a veciñanza e os cargos políticos da comarca.
A patina de boa persoa coa que David se cubriu para poder medrar en política, xa se lle foi toda. Do home candidato bueniño que se presentou unicamente “para sacar a Salomé do goberno estar como moito oito anos e despois retirarse” (promesa súa aos seus) só queda o que sempre foi , unha persoa que unicamente mira por si mesma, incapaz de gobernar pero decidida a chegar como sexa a un lugar onde non faga falla dar a cara nin xestionar nada para que entren os cartos.
A min iso dáme igual. Que os do PP atendan del. Pero ese señor goberna o meu concello e a Mancomunidade, e non ten o máis mínimo interese nin nunha cousa nin na outra. A Mancomunidade era o exemplo de que é posible o entendemento entre contrarios. Pero David fixo nese ente o mesmo que fixo en Ribadumia, apoiarse en outros para chegar arriba, e despois rebentar todo, traizoando e mentindo a todo o mundo. Porque o obxectivo non é arranxar nin mudar nada, o obxectivo é seguir ata a próxima meta.
Todo isto ven ao conto de que as consecuencias desta maneira de andar pola vida, van ser que se o PSOE fai valeiro á Mancomunidade, vanse perder postos de traballo, moitos deles de Ribadumia, e sen concellos que asuman os servizos mancomunados, teremos, que asumilos nós ou perdelos, no noso caso segundo decida David. Nas súas propias verbas, o que nos vai traer a súa maneira de actuar é unha perda de servizos e unha suba de impostos, ademais importante.
A traizón número mil unha. Ao tempo.