Todos e todas vos sabedes que fai uns meses unha parte das persoas que integrábamos o BNG de Ribadumia deixamos ese partido por diferentes motivos. No meu caso os motivos estiveron relacionados coa maneira de facer as cousas o BNG, e coa deriva que o levou a deixar de representar a alternativa que para moitos levaba anos sendo, converténdose nun partido mais, ó seu propio servizo. Moitas das persoas que formaban o grupo local do BNG acompañáronme naquela difícil decisión, e dende entón mantemos un equipo comprometido co noso concello, traballando e medrando cada dia, centrados nos problemas dos nosos veciños e veciñas, nun proxecto independente, sen adscrición política, amplo e aberto a todas esas persoas que queren axudar a mellorar o noso concello e as vidas dos nosos veciños pero que non se senten identificados ou representados por ningún partido político . Un proxecto que xa é cada dia mais forte e que estamos seguros de que vai traer moitos cambios positivos ó noso concello.
E por este motivo podería parecer que nas próximas eleccións autonómicas non iamos tomar partido. Falámolo tranquilamente, puxemos as nosas ideas enriba da mesa e chegamos a conclusión de que o mais importante era conservar a unidade do noso grupo, e seguir sumando persoas e apoios no noso proxecto para Ribadumia. Pero tamén estivemos de acordo en que calquera de nos que, independentemente de todo isto, quixese tomar partido nas próximas eleccións autonómicas, plantándolle cara as políticas do PP, non debía atopar no resto do grupo impedimento algún. E así, cada un e cada unha de nos tomou a súa decisión, e apoiará o partido que considere oportuno do xeito que considere adecuado, sexa unicamente co seu voto ou participando de maneira activa na campaña electoral.
E eu, sen deixar de lado a miña independencia política, nin esquecer en ningún momento a responsabilidade que supón ter unha acta de concelleiro nin os meus compromisos con todas e todos vos e co grupo do que formo parte, tomei a miña decisión. Podía quedar na casa. Podía facer como que non me afectan as políticas de recortes do PP, que nos fan pagar ata polos medicamentos ou a auga dos nosos propios pozos e que pretenden deixarnos sen case pensións ou prestacións por desemprego. Podía ignorar que, gracias a ineptitude de Feijoo e Rajoy, cada dia mais veciños e veciñas están no paro, ou xa non teñen nin para comer ou pagar a luz, ou simplemente miran como os seus fillos se quedan sen futuro. Podía adicarme simplemente a ir os plenos e criticar as políticas dos demais dende unha silla. Podía. Pero non vai ser así. Non é o momento de quedar parado sen facer nada.
Penso, e non son o único, que nestes tempos difíciles, críticos, é precisa a unión e a reacción de todas as forzas e todas as persoas que nos opoñemos a destrución do pais e do futuro dos nosos fillos a que nos esta levando o PP. Penso tamén que para frear isto e provocar un cambio de verdade, un cambio real, son precisas propostas firmes, valentes e realizables. E creo que nesta liña de pensamento agora mesmo so hai unha alternativa posible. A alternativa nacida da necesidade de salvar un pais por riba dos intereses partidistas, dos personalismos e dos egos. Por iso eu, Enrique Oubiña Lago, con independencia da miña labor na política municipal, apoiarei activamente na próxima campaña electoral, e logo co meu voto o dia 21 de Outubro, a ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA, e animo a todas esas persoas que cren urxente e necesario un cambio no noso país a que se unan a este proxecto.