
A foto que encabeza este artigo, foi feita este pasado domingo, durante o transcurso da final do AF7, e na miña opinión resume moi ben a realidade dese torneo contra o que nós contan del e, sobre todo, exemplifica o fracaso pola soberbia do señor alcalde.
Ninguén pon en dúbida nin a calidade organizativa nin o valor para o deporte do AF7. E aínda que poderíamos discutir algunha práctica , digamos, pouco seria -preguntádevos porque a cafetería da instalación non abriu eses días – e certo uso e abuso das confianzas co goberno do Concello – que cos nosos impostos axuda e moito a que o torneo se celebre – , en realidade a culpa é de quen permite eses comportamentos, así que nin sequera diso vou falar, porque non é o tema agora mesmo, queda para máis adiante.
A foto foi feita no momento culminante do torneo, durante a celebración da final. O partido que, se o torneo fora de cara aos afeccionados ao fútbol o que se nos conta, debería ter as gradas abarrotadas e o aforo sobrepasado, e ese aparcadoiro, en segunda liña, non direi nin moito menos cheo, pero si algo máis habitado. Nada máis lonxe da realidade. Sobroume onde aparcar a pe de campo, e aínda que certamente había xente, eran basicamente os deportistas que xogaron os partidos esa mañá, as súas familias e os corpos técnicos. A única grada saturada era o “palco de autoridades“, ou máis ben a “fila de autoridades”, que tampouco eran tantas. Nada máis.
Ao final, a foto que vos comparto máis arriba, dun aparcadoiro valeiro en hora punta, e as propias fotos publicadas polo Concello, demostran que todo o triunfalismo e soberbia do alcalde, que falaba de miles e miles e miles de visitantes, era fume. O cal non ten que ver co exito ou non do evento, ten que ver coa realidade de Ribadumia, que non é Vilagarcia.

Ven moita xente ao AF7? Ven a que corresponde cun torneo desas características, que vai en consonancia co número de nenos e equipos participando, pero nin ven tantisima xente nin o evento ten tanta relevancia para o noso Concello como para que o noso alcalde fale del cada vez que abre a boca, ata o absurdo de mandar un comunicado á prensa decindo que se contratan tres empresas de desbroce cun custe de 20.000 € para adecentar o concello de cara o AF7. De feito, penso que o hooliganismo que David practica na defensa dese evento resulta contraproducente, ata o punto de que gracias a esa maneira de actuar, a visión dende fora acabou sendo a de que nin fu nin fa que teñamos un evento dese nivel en Ribadumia, e rematou por poñer el só a mais xente en contra que a favor del.
Na mesma mañá do final do torneo de fútbol, en Leiro/Besomaño, tiña lugar unha xornada de BTT, organizada polo Club Ciclista Ribadumia, un club local que non recibiu por parte do alcalde nin a décima parte de atención que o AF7 xestionado por unha empresa de fora. Houbo nese evento tres veces máis xente. Certo que era eventos distintos e non comparables, pero dende logo, se un evento deixou cartos en Ribadumia a pasada fin de semana foi a Mini BTT , non o AF7.
Á MiniBTT o alcalde dedicoulle quince minutos, igual vinte, para entregar premios e facerse fotos. Logo escapou correndo co Presidente da Deputación, outro “municipalista” de postín, a gozar xa con máis calma do fútbol en Ribadumia, e por suposto facerse fotos entregando trofeos e moitos apretóns de mans a xente que falaba outro idimoa.
Fican claras as prioridades.
Dende a política á hora de apoiar un evento deportivo débense valorar moitas cousas, ningunha delas debe ser, cando menos non como prioridade, o suposto “estatus”, e en ningún caso o bonitas que van quedar as fotos, non digamos xa outros intereses persoais. Non o debe facer a xente que está en política porque quere aportar á sociedade, nin o debe facer xente que está por outras cousas e vive nunha permanente visión electoralista como no caso de David, que só pensa nos votos. Por iso que non entendo, aínda que podo ter certas sospeitas, os motivos da paixón incontrolada de David polo AF7 cando hai outros eventos organizados por entidades locais moito máis interesantes neses aspectos que a el tanto lle preocupan. Eu non defendo nin defenderei esa maneira de entender a política, pero se a idea é xuntar votos, priorizar eventos organizados por entidades privadas de fora do noso concello, cun favoritismo tan esaxerado, en detrimento do apoio a entidades locais, é unha maneira moi fea de cavarse unha tumba política.
A min non me sobra ningún evento, pero se hai que ter prioridades, sexa por motivo da xestión dos recursos, sexa por outro motivo, as miñas sempre serán as dos eventos que nacen onde vivo, que é en Ribadumia. Outros xa deixaron claro que son moito mais flexibles cos seus principios.