Sobre o cambio de céspede do Umia.

   Penso que chegados a este punto, e logo dos exercicios malabares dialécticos que no último pleno do Concello fixo a concelleira de Contas para intentar xustificar o inxustificable, irá ben aclarar un par de detalles sobre as partidas económicas e como se gastan os cartos nun Concello.

   Tomo de exemplo a partida para o cambio de céspede do Umia, que para empezar é moi urxente. Se un goberno dota unha partida no orzamento para unha obra, iso significa que está apartando “eses” cartos para “esa” obra. Pode ser que a partida non sexa suficiente,  ou que sobre, e pode ser que despois a obra se faga ou, como neste caso, non se faga. Pero dende o momento no que se dota a partida, os cartos que se poñan nela están dispoñibles para esa obra, e isto hai que remarcalo. Despois poden pasar cousas, pero de inicio os cartos están dispoñibles en canto o orzamento entra en vigor.

   No caso do cambio de céspede do Umia. Dotouse unha partida que non é que fóra ou non  suficiente, é que cando se dotou, o proxecto para o cambio de céspede estaba redactado e perfectamente calculada e encaixada a partida co custe da obra. Dito doutro xeito, dotouse unha partida polo valor do que costaba a obra, á que unicamente lle faltaba o proceso de licitación e posterior execución.

   Non só iso. A partida de 267.000 € tiña a orixe dos cartos en tres sitios distintos. Por un lado unha axuda da Deputación, en torno a 40.000€; por outro lado 100.000 € que o Concello saca da liña económica que a Deputación da anualmente ao Concello  para obras, e os 127.000 € restantes que saen das arcas municipais. Todos e cada un deses euros, no momento de aprobarse o orzamento contaban con tódolos parabéns legais, a subvención estaba aprobada e o resto de fondos dispoñibles.

   Concretando: dende o momento de aprobarse o orzamento, o Concello xa dispoñía dos cartos suficientes para realizar o cambio de céspede. 267.178,91 € , contantes e sonantes.

Porque non se fixo o choio? Por que  David e Miguel non quixeron. Nin máis, nin menos.

A partir de aquí empezan as escusas e tamén películas, que compre aclarar, e vou obviar toda a parte de promesas incumpridas  e concelleiros  pillados na mentira, para ir directamente ás declaracións en Pleno.

 Primeiro o alcalde dixo que non había cartos suficientes e se estaba buscando financiamento. Está recollido no vídeo do Pleno onde o dixo, varias veces ademais. A única maneira de que non houbese cartos é que a parte que tiña que saír das arcas municipais o señor alcalde a dedicara a outra cousa.  Isto pode facerse? Si, con certas limitacións, pero non veñen ao caso. Se foi así efectivamente o alcalde non ten cartos, pero porque os gastou onde non correspondía. Pero se iso fóra así, e o alcalde quixera facer a obra pronto, xa tería realizado unha modificación de crédito para coller os cartos que lle faltaran , mais non foi o caso.

  Ao contrario, por que  agora chegou a concelleira de contas dicindo, nun xiro de guión ao máis puro estilo Shyamalan, e poñendo ao alcalde de mentireiro (niso estivo acertada) ,  que a partida está dispoñible, ou sexa que non se tocou , e que a obra sinxelamente está sen facer,  pero que non pasa nada  por que  pode facerse o ano que ven.  Xa claro, ou dentro de cinco anos. Pero para o caso, para trasladar  a partida económica ao orzamento  do ano próximo sen que lle afecte a este, que era ao que se refería a concelleira con esa afirmación,  ten que cumprirse que os cartos ao longo do ano non se toquen para que non teñan efecto sobre o resto. De ser este o caso, e de ser certo o que dixo a concelleira, o alcalde ten hoxe 267.000 € parados de maneira intencionada. 267.000 € que, se non se quería facer ese investimento ata o ano próximo,   se poderían neste ano  ter dedicado a outras cousas, que onde metelos hai abondo, máis con este desastre de goberno que temos.

   Marear cos números e as definicións para non falar do que importa. Ao fin, gastara os cartos  noutra cousa ou non os gastara, a realidade  é que a obra está sen facer tendo cartos dispoñibles dende fai seis meses. E está sen facer por puro capricho de dúas persoas: David Castro e Miguel Castro. E non queren facer esa obra sabendo que o club está apercibido e que en calquera momento lle pechan o campo porque están agardando a ver se a actual directiva cae e entra unha nova  “máis amigable”, que lles permita facer politiqueo a través dun club deportivo.  E esa é a única verdade do que está pasando. Por certo, documentada en todos os aspectos.

  Dixo o alcalde o outro día que cando se faga a obra será gracias á xestión do goberno local. Solo faltaría! . Dende logo non se vai facer unha obra nun campo de titularidade do Concello de Ribadumia gracias a xestión  do Concello de Cambados.

 O que non dixo David é que esa obra leva anos sen facerse precisamente  gracias a el, que non é alcalde dende onte pola mañá, xa leva un tempiño, nin que está sen facer por puro capricho seu. Iso, polo que fora, non lle acordou dicilo.  

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar un comentario