O  NON 25N de David Castro.

   Certas cousas para falar delas é mellor darlle uns días e sácalas de certos contextos e evitar así malas interpretacións. 

O luns da semana pasada foi o 25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.  O titulo xa da  idea de que vai, pero hai quen xoga ao despiste. Neste día, obrigado polas modas e pola dinámica política, David Castro organizou un acto  no auditorio cunhas por certo  moi boas actuacións, un gasto xeitoso  a unha hora á que non ía ir e non foi  case ninguén. Tamén se  leeu unha declaración institucional, como todos os anos, moi ben elaborada polo persoal do CIM.

  Entre as actuacións e a lectura formal do manifesto,  David  botou un pequeno speech de colleita propia. Catro minutos escasos pero moi  esclarecedores. Ese speech  é o exemplo do alcalde que temos e das ideas que ten. En toda a súa alocución usou a verba “violencia” unha única vez.  Recordemos: no 25N. Termos como “violencia de xénero”, “violencia machista”, “ machismo”, “ mulleres mortas”, non os usou nin unha sóa vez, tampouco a verba “vítima”.  Nin sequera chegou a usar enteira a designación para ese día. De feito o descurso, colgado nas redes do concello,  era máis atribuíble –  sendo benévolo e tendo en conta certo uso insistente do termo igualdade –  ao 8M, data na que se pon o foco na loita pola igualdade laboral e social das mulleres con respecto aos homes. Así pois, no seu discurso no día contra a violencia que mata mulleres, David falou doutras cousas. Pero por se fóra pouco, algo que polo fondo que ten para mín resultou moi grave foi que ese señor que non esquezamos é alcalde tivo a ben dicir e insistir en que neste eido – o da igualdade , non o da violencias machista – “se fixo moito dende os anos cincuenta”. Avances nos dereitos das mulleres durante o franquismo? En serio? Nun descurso do ano 2024? Pois ese é o nivel.

Non foi só iso. Nese acto estaban presentes varias representantes da única asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da comarca (ESMAR), con sede por certo en Ribadumia. Pois David tivo verbas de recoñecemento  para os políticos presentes, os artistas, o persoal do concello… para todos os presentes agás as representantes dese colectivo, ás que ignorou e invisibilizou   completamente e de maneira  moi intencionada.

David Castro non deixa de ser outro negacionista do machismo e das súas consecuencias, e aínda que usa artificios para ocultar a súa postura e aparentar outra cousa,  se un está un pouco atendo, pode ver a trampa: actos a deshora para minimizar a súa repercusión,  descursos valeiros e cando non  sempre compartidos e feitos (asegurándose de que se saiba) por outras persoas, puntos morados ocultos nas festas, accións con grandes títulos pero alleas á cuestión da violencia machista,  invisibilización  do colectivo e un longo etc de falsas aparencias.  Aínda así  David non pode evitar que se lle note,  cando se queda só cun micrófono diante, que realmente non cree en “todo iso”  da  violencia machista nin na loita feminista. E nisto, eu tiña outra idea deste home, pero estaba errado.

Persoas como David Castro, que no exercicio do seu cargo público  invisibilizan, cando non negan directamente, a existencia  da violencia machista,  son un perigo e un problema na loita contra esta lacra  e para as  propias vítimas, por que coa súa negación e a súa invisibilización desta realidade, que xa levou por diante este ano a vida de 43 mulleres ás que hai que sumar, e non esquecer, 9 nenos e nenas pola violencia vicaria – e aínda queda decembro -, queiran ou non están validando os comportamientos violentos contra as mulleres e tamén contra os seus fillos e fillas, e dándolle xustificacións aos maltratadores, e isto só sirve   para que o número de vítimas siga aumentando. 

Chamarlle ás cousas polo seu nome e falar claro non é ser alarmista, é ser realista. E esta realidade só se pode cambiar facendoa visible e enfrontandoa.

Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar un comentario